O 12 de decembro presentarase o libro Lareira de Soños

O 12 de decembro presentarase o libro Lareira de SoñosO día 12 de decembro ás 18:00 horas, a Casa Habanera de Guitiriz acollerá a presentación do libro Lareira de Soños, de Pastora Veres.

A publicación é o resultado dun traballo de investigación na parroquia do poeta Díaz Castro iniciado hai 6 anos coincidindo coa dedicatoria das Letras Galegas en 2014 ao poeta dos Vilares. O libro inclúe tamén o DVD co documental Entrar aos Vilares, realizado por Cibrán Tenreiro.

O resultado son máis de 250 páxinas nas que se da un repaso á história recente desta parroquia chairega, ás experiencias vitais da propia autora e ás historias das súas xentes, persoas anónimas que cobran protagonismo nesta obra. Arredor de 160 fotos recollidas polas casas, acompañadas dunha narración en primeira persoa que non deixa indiferente a ninguén nunha linguaxe entre xornalística e poética con un xeito único e persoal de narrar.

O LIBRO

Lareira de soños é o resultado dunha encomenda feita polo poeta Manuel María a Pas Veres na I Romaría Labrega da Chaira na inauguración dunha exposición fotográfica que agora vé a luz acompañada de textos e dun traballo audiovisual que fan desta obra unha compmeta cartografía emocional da parróquia do poeta das cousas pequenas, Xosé María Díaz Castro, grande amigo do poeta de Outeiro de Rei.

Na presentación estarán presentes a alcaldesa de Guitiriz e representantes do resto de patrocinadores deste traballo, a Dirección Xeral de Política da Xunta de Galicia, a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo e a área de marketing de Gadis, que compartirán mesa coa propia autora, Pas Veres, o autor do limiar, o xornalista de orixes vilaregas Man Castro, a poeta de Guitiriz Luz Campello e o director de Edicións Fervenza, Manuel Núñez, encargados da publicación.

A situación sanitaria limita o aforo, polo que tamén se difundirá en directo o acto polas redes sociais municipais, aínda que tamén se realizarán proximamente máis presentacións na contorna.

A seguinte presentación será en Betanzos o día 19 de decembro ás 19:00 horas na Asociación Lar de Unta.

Etiquetas