Estrean unha plataforma de comercio on line nas Pontes

Estrean unha plataforma de comercio on line nas PontesO Concello das Pontes, a través da Concellería de Comercio e Hostalería, e a Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (Cohempo) puxo en marcha este mércores, unha plataforma de comercio online, a través da que o comercio e hostalería poderán poñer á venda os seus produtos e dar a coñecer os servizos que prestan.

A concelleira responsable da área, Elena López, subliña que “con esta iniciativa materialízase unha idea que xurdiu hai meses, froito da colaboración con Cohempo para impulsar e apoiar ao noso pequeno comercio, favorecer o seu acceso á venda en liña, creando un gran escaparate virtual do comercio das Pontes que lle permita mellorar o seu posicionamento dixital e atraer a novas persoas compradoras e fidelizar á súa clienta.

Trátase dunha plataforma gratuíta na que, dunha forma moi sinxela, os comercios e establecementos hostaleiros asociados a Cohempo, poderán poñer os seus produtos e servizos á venda en modalidade de repartición a domicilio ou recollida en tenda. Ademais a web conta cun espazo para establecementos non asociados nos que poderán publicitar os seus produtos e servizos.

“Aspontesmarket.es lánzase nun momento complicado para o sector e a través desta ferramenta queremos contribuír a mellorar a estabilidade nas vendas e, ao mesmo tempo, responder ao compromiso do goberno local por impulsar a dixitalización no comercio e a hostalería das Pontes, elemento esencial para ter un sector competitivo que xere riqueza e economía local e contribúa ao mantemento de postos de traballo “ apunta Elena López

Dentro da plataforma pódense atopar todo tipo de produtos e de negocios locais tales como comercios de moda, complementos, deportes, ópticas, centros veterinarios, panaderías, mercerías, centros de beleza, xogueterías, decoración e manualidades, telas e confección, electricidade, subministros industriais, maquinaria agrícola, librerías, lencerías, talleres, motos, bicicletas, herboristerías, florerías, ferraxerías, axencias de viaxe, xoierías, alimentación e produtos locais como mel e queixo.

“Desde Cohempo tratamos de proporcionar apoio e asesoramento aos nosos asociados, estando durante estes últimos meses, moi pendentes dos mesmos así como das súas necesidades, proporcionándolles a axuda necesaria en todo aquelo que estaba e está na nosa man. Contamos na actualidade con máis de 120 establecementos asociados pertencentes a distintos sectores. Por este motivo vemos moi importante por en marcha este tipo de iniciativas que apostan por a exaltación dos produtos locais e pola imaxe de pobo, ademais de abrir as tendas ás novas tecnoloxías.” apunta Montserrat Gastelu, presidenta de Cohempo.

Por outra banda, desde Cohempo, amosan o seu agradecemento ao Concello das Pontes pola súa colaboración na posta en marcha deste proxecto.“Os nosos asociados acolleron este proxecto con moita ilusión dende o principio e nós como asociación tratamos de axudarlles e darlles todas as facilidades posibles para poñer a andar os seus comercios virtuais. Trátase de unha ferramenta máis coa que contar para vender os seus produtos e servizos, e que consideramos será moi útil tanto para ofertarlles un servizo engadido aos consumidores locais como para poder poñer fóra das Pontes moitos produtos que ata o de agora non estaban” indica a presidenta de Cohempo.

Co obxectivo de animar ás persoas consumidoras a facer os seus primeiros pedidos na plataforma, Cohempo farase cargos dos gastos dos primeiros envíos. Desde o Concello e Asociación de Comerciantes animan aos consumidores e consumidoras a facer as súas compras na plataforma online do comercio pontés e gozar dos seus envíos gratuítos.

Etiquetas