Estudan a fusión dos colexios de Begonte e Baamonde

O Concello de Begonte está efectuando xestións coa Consellería de Cultura, Educación e Universidades da Xunta de Galicia, e coa Asociación Músico Crisanto, para consolidar e impulsar a acción educativa no Concello, da que van resultar beneficiados os actuais –e especialmente os futuros- estudantes do concello e zonas limítrofes.

Por unha parte, estúdiase a fusión dos dous colexios existentes no Concello –Baamonde e Begonte- nun só, que totalizaría algo máis dun cento de alumnos máis os que poidan incorporarse de zonas limítrofes, garantindo non só a continuidade da educación primaria no centro da capital senón tamén, o que é vital, potenciar a calidade do ensino nos cursos vindeiros.

Simultaneamente, preténdese dar un importante impulso educativo á segunda poboación do Concello, Baamonde, creando nas actuais instalacións do colexio público un conservatorio profesional de música, con arredor de 150 alumnos nos primeiros momentos, que sería xestionado pola Asociación Músico Crisanto, como evolución das súas escolas municipais de música, das que o froito máis destacable é a Banda de música de Rábade-Begonte-Outeiro.

A operación supón un importante investimento, xa que comprendería obras de renovación no Colexio de Begonte, así como a reforma do edificio do actual colexio de Baamonde para conservatorio profesional de música, e a construción dun auditorio dentro deste para as actividades do centro e para concentrar nesta instalación cultural diversas actividades culturais do concello. O actual polideportivo do colexio de Baamonde manteriase na súa función de promoción deportiva na localidade.

As xestións e negociacións parecen ir por bo camiño e o goberno municipal de Begonte confía en poder levar adiante esta operación o próximo 2021, Ano Santo, do que tanto espera tamén este concello, e especialmente a localidade de Baamonde, enclavada no Camiño Norte a Compostela. Por se a operación pode levarse a efecto, os servizos técnicos do Concello están traballando na plasmación desta idea no correspondente proxecto técnico.

Esta iniciativa forma parte dunha estratexia xeral do Concello de Begone dirixida a fixar e atraer poboación, freando o despoboamento que afecta a grandes zonas do noso rural, facendo atractiva a vida nesta zona mediante a dotación de servizos básicos entre os que estaría asimesmo a creación dunha gardería ou un Punto de Atención á Infancia.

Etiquetas