Goberno e Concello invisten 600.000 euros na mellora da eficiencia enerxética de Guitiriz

Goberno e Concello invisten 600.000 euros na mellora da eficiencia enerxética de Guitiriz A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, supervisaron os traballos de mellora da eficiencia enerxética realizados no lugar das Reixas, na parroquia dos Vilares, incluídos dentro dos tres proxectos que executan no municipio o Goberno e o Concello cun investimento total de case 600.000 euros. Grazas a estas actuacións, o Concello de Guiritiz aforrará 45.000 euros anuais co novo alumeado público e rebaixará en 130 toneladas as emisións de CO2 á atmósfera.

Isabel Rodríguez destacou “o importante apoio do Goberno, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica, aos concellos da provincia para que melloren a eficiencia enerxética do alumeado público e das dependencias municipais”.

“Con estes proxectos, que subvenciona o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, axudamos aos concellos a contaminar menos e tamén a aforrar custes en enerxía”, manifestou a subdelegada. Rodríguez informou de que, no caso de Guitiriz, esta axuda supera o medio millón de euros que destina o Goberno a tres proxectos para o aforro e eficiencia enerxética do alumeado público de As Reixas, Parga e Guitiriz, así como para a mellora da eficiencia enerxética da Estación de Tratamento de Auga Potable do municipio.

Pola súa parte, Marisol Morandeira manifestou que “estas achegas do IDAE ao noso Concello, por un total de 514.066 euros, supoñen un investimento moi importante e o seu beneficio verase a curto prazo, por un lado no gasto corrente do Concello, ao baixar o custe do subministro eléctrico, e por outro, porque se verá reforzado e mellorado o servizo de auga potable no núcleo de Guitiriz, no que tivemos algúns problemas nos últimos anos”. Neste sentido, explicou que “os investimentos realizados ata agora engadidas a esta renovación completa da ETAP, para a que tamén contaremos coa colaboración de Augas de Galicia, melloran considerablemente os servizos básicos que ofrecemos aos veciños”.

“Animo ás administracións a seguir facilitando que os concellos poidamos acceder a proxectos tan importantes e que dispoñamos de fondos para realizar investimentos deste calibre”, concluíu a alcaldesa.

PROXECTOS EN GUITIRIZ

O Goberno aprobou tres subvencións para outros tantos proxectos no municipio de Guitiriz nos dous últimos anos cos que se realiza un investimento total de 599.915 euros neste concello.

A máis recente das subvencións concedidas, que foi aprobada en setembro, é para o proxecto de mellora da eficiencia enerxética da ETAP. O importe da achega neste cado é de 261.920 euros. O Concello prevé comezar a execución da obra en 2021.

O proxecto de aforro e eficiencia enerxética no alumeado público exterior de Parga e o lugar das Reixas (Os Vilares), supón un investimento total de 152.623 euros, dos que 130.346 son financiados polo IDAE e 39.992 polo Concello. Con esta actuación xa foron sustituídas 256 luminarias nos dous núcleos de poboación, que supoñen un aforro no consumo por riba do 70%, e o Concello conseguiu outras 402 que se empregarán para reposicións futuras.

A terceira das achegas foi para o proxecto de aforro e eficiencia enerxética do alumeado público exterior no núcleo de Guitiriz no que se investiu un total de 185.372 euros, 139.445 aportados polo IDAE e 45.926 polo Concello de Guitiriz. Neste caso, foron substituídas 384 das 2.583 luminarias existentes no municipio, e lógrase un aforro do 70%. Ademais, coa contratación conseguíronse 154 luminarias que se empregarán para futuras reposicións.

AXUDAS DO IDAE

Estas axudas que concede o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Desafío Demográfico, convocáronse polo Real Decreto 316/2019, do 26 de abril, polo que se regulan as subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan a transición cara a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER Plurirrexional de España 2014-2020.

Os proxectos beneficiarios das achegas deberán axudar á redución das emisións de CO2 con accións que melloren a eficiencia enerxética na edificación e nas infraestruturas e servizos públicos, que fomenten a mobilidade urbana sustentable e que potencien o uso das enerxías renovables de usos térmicos, así como o autoconsumo eléctrico.

Etiquetas