Supervisan investimentos culturais en Outeiro e Castro de Rei

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou onte o local de San Lourenzo (Outeiro de Rei), que vén de ampliarse ao abeiro das subvencións para 2020 destinadas á mellora e equipamento das instalacións e locais de concellos destinados a actividades de carácter cultural da Xunta de Galicia. Este ano benefícianse destas axudas un total de 39 proxectos de mellora en instalacións culturais doutros tantos concellos das catro provincias galegas.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina a estas axudas 500.000€, dos que ao Concello de Outeiro de Rei lle corresponderon preto de 23.000 euros para sufragar esta obra. Con estas subvencións as entidades locais poden acometer actuacións relativas ao equipamento e moblaxe de locais, a realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como a adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento das accións culturais. A percepción destas axudas é, en calquera caso, compatible con outras subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración.

Achegar a cultura á cidadanía

O secretario xeral de Cultura destacou que a actuación neste local é de gran importancia para descentralizar a actividade cultural e achegala á cidadanía, en especial ás persoais maiores. As axudas convocadas pola Xunta supoñen, así mesmo, unha mostra máis do apoio do Goberno autonómico ás entidades locais comprometidas coa acción cultural para que poidan executar as súas programacións, así como contar coas oportunas infraestruturas que lles permitan a adecuada realización das actividades culturais que promovan, garantindo o servizo público que prestan á cidadanía.

O proxecto consistiu na incorporación do espazo ocupado polo palco de música ao local da parroquia de San Lourenzo de Aguiar (Outeiro de Rei), co fin de ampliar a súa capacidade e poder empregado para usos culturais. A actuación supuxo a renovación da cuberta, por unha nova de pizarra cunha capa de impermeabilización e outra de illamento térmico e canlóns, así como das paredes que pechan o espazo do local e o pintado das fachadas e superficies interiores. A sala foi dotada de pavimento cerámico antideslizante, fiestras de aluminio e unha porta de madeira de comunicación entre os dous espazos. Así mesmo, instalouse alumeando e electricidade no novo local.

Novo exemplar de CROA

Ademais da visita a Outeiro de Rei, o secretario xeral de Cultura participou na presentación do novo número de CROA, boletín do Museo do Castro de Viladonga, e que recolle novos estudos de carácter arqueolóxico, artístico, histórico, etnográfico e museográfico, así como algunhas das novidades bibliográficas recibidas na biblioteca do Museo e unha referencia ás actividades e traballos no confinamento debido á covid-19.

O representante da Consellería de Cultura salientou a importancia desta publicación, que edita o seu número 30, como “órgano de difusión cultural e expresión científica do Museo do Castro de Viladonga de primeiro nivel”, dixo ao tempo que agradeceu a colaboración dos investigadores que asinan neste último exemplar. Anxo M. Lorenzo puxo en valor, ademais, o traballo do museo durante este ano, de especial complexidade para divulgar o seu traballo.

Recordou o papel que as tecnoloxías e as redes sociais tiveron para seguir achegando información sobre as coleccións que custodia o museo e o Conxunto etnográfico das Pallozas do Cebreiro e para seguir desenvolvendo diferentes actividades divulgativas. Neste sentido, animou a seguir sendo partícipes das actividades que poña en marcha o museo tanto de xeito virtual como presencial.

Etiquetas