Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

O conselleiro de Medio Rural informa aos gandeiros en Castro de estratexias para o sector

Por 12 Decembro, 2020Sin comentarios

O conselleiro de Medio Rural informa aos gandeiros en Castro de estratexias para o sectorO director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, xunto co director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, mantivo onte un encontro con gandeiros da comarca lucense da Terra Chá para explicarlles a Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego. No marco da rolda de contactos que se está a levar a cabo para dar a coñecer ao sector as medidas que se prevé aplicar deica o ano 2025, o director xeral destacou que a Xunta habilitará unha aplicación informática para calcular os custos de produción de xeito doado, co obxectivo de que as granxas melloren a súa posición negociadora fronte ás industrias.

Así, no cuarto concello con maior produción de leite da comunidade, o director xeral sinalou que a Estratexia persegue consolidar o sector como unha das principais rexións lácteas de Europa, cun alto nivel de competitividade, sostibilidade e capacidade de resiliencia. Para iso, lembrou, actuarase en cinco eixes estratéxicos: a produción, a industria, os mercados, a cadea de valor e a formación e innovación.

No ámbito da cadea de valor é onde se contempla ese programa para que os gandeiros poidan calcular os seus custos de produción e negociar mellor a venda do leite, ademais de facer estudos comparativos con respecto ao sector. A maiores, neste campo perseguirase reforzar a relación entre os distintos axentes implicados, impulsando o asociacionismo profesionalizado e fomentando a entrada das cooperativas no capital das novas industrias que se asenten en Galicia, como garantía da recollida do leite e para que poidan beneficiarse da transformación do seu produto.

PRODUCCIÓN

No eido da produción, José Balseiros puxo de relevo que a Xunta busca garantir a continuidade das granxas viables, creando un Banco de explotacións que acolla as que non teñan relevo e establecendo un programa de preparación que poña en contacto aos produtores que se retiran cos que teñen intención de incorporarse. Nesa liña, destacou que proximamente entrará no Parlamento a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que permitirá habilitar novos mecanismos de mobilización para dotar ás explotacións de máis base territorial. En todo caso, recalcou José Balseiros, seguiranse promovendo procesos de reestruturación parcelaria ao tempo que se impulsan figuras como os polígonos agroforestais ou os polígonos cortalumes.

Mirando á industria, o director xeral recalcou que o obxectivo é aumentar a transformación do leite en Galicia apostando pola diversificación de produto, traballando por atraer novos operadores industriais e por que se fortalezan os xa asentados. No relativo aos mercados, cómpre incidir no posicionamento dos produtos lácteos galegos, da man do selo Galega 100% e das novas marcas para distinguir o leite de pastoreo e o de produción integrada. No tocante á formación e innovación, traballarase por responder ás necesidades dos gandeiros e industrias, fortalecendo as estruturas de formación, investigación e innovación da nosa comunidade, así como a tecnoloxía a disposición do sector.

No encontro, José Balseiros tamén destacou que a Xunta promoverá unha normativa galega para regular a xestión integral das dexeccións gandeiras, garantindo a trazabilidade dende a produción ata o seu tratamento final. Nesa dirección, o director xeral lembrou que o Goberno galego presentou alegacións ao decreto estatal sobre nutrición dos solos agrarios para adaptalo ás explotacións galegas. Así, solicitouse que se teñan en conta os condicionantes naturais de Galicia e a escasa base territorial da maioría das súas explotacións, ademais de pedir proporcionalidade nas cargas que impón o borrador canto á capacidade contaminante dos xurros e que se valoren e compensen os investimentos que deben facer agricultores e gandeiros para cumprir a norma.