Manifestación en Baamonde en defensa da escola local

Manifestación en Baamonde en defensa da escola localA asociación de veciños de Montenegro de Baamonde, aproveitou a xornada de domingo para convocar unha concentración de pais, alumnos e veciños ante o centro educativo para protestar contra o plan anunciado polo Concello, de pechar a escola actual e agrupar no colexio Virxe do Corpiño de Begonte, a todos os alumnos do municipio.

O Concello anunciou este venres a súa intención de transladar os alumnos ao centro de Begonte para utilizar as instalación de Baamonde para facer un conservatorio que dea servizo a Rábade, Outeiro de Rei e Begonte.

Os veciños foron informados polo Concello en días previos da súa intención e deseguido manifestaron o seu rexeitamento a esta idea, xa que no centro estudan actualmente uns trinta pequenos, que pasarían a incorporarse ao de Begonte, onde hai uns 70.

Os pais néganse a que “se desmantelen servizos” e fixeron chegar a súa protesta ao alcalde que, según aseguran “negouse a reconsiderar a situación” e explicoulles que “coa unificación dos centros tamén se reducirían custos”.

Os manifestantes aproveitaron para subliñar que a escola ofrece un bo servizo e que nos momentos actuais de pandemia sería preferible non concentrar ao alumnado.

Os pais explican que xa se puxeron en contacto coa Consellería de Educación, que lles explicou que non estudaba o peche da escola, pero xa avanzaron que haberá novas mobilizacións para protestar contra esta iniciativa municipal.

Etiquetas