Skip to main content
ActualidadeBegonteSecciones TerraCháXAZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

O Belén de Begonte adaptarase ás restricións sanitarias

Por 16 Decembro, 2020Sin comentarios

O Belén de Begonte adaptadase ás restricións sanitariasA Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación dunha nova edición do Belén de Begonte adaptada ás restricións impostas pola situación sanitaria, polo que propón unha visita virtual pero conserva a totalidade dos certames e a actividade cultural vinculada ao evento.

Na presentación participaron o delegado territorial, Javier Arias, o alcalde de Begonte, José Ulla, e Xulio Xiz en representación da entidade organizadora, o Centro Cultural Xosé Domínguez Guizán. O Belén, a piques de cumprir 50 anos -en decembro do 2021-, poderá ser visitado nesta ocasión a través da súa web, que recolle a historia e outra información de interese sobre o proxecto. Xa está incorporado tamén o pregón deste ano, a cargo do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.

Exposicións e certames culturais completan a programación de actos. Así, xa está aberta ao público a exposición fotográfica Imaxes do Nadal, na sala de exposicións da Delegación Territorial; a partir do 2 de xaneiro pasará á Biblioteca Pública Provincial, que agora alberga a mostra No Belén de Begonte, seis paneis con fotografías acompañadas de anacos de poemas correspondentes aos traballos premiados en diferentes edicións do Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal.

No marco do Belén, convócase de novo este concurso de poesía así como os de xornalismo, debuxo infantil e o certame galego de arte José Domínguez Guizán, estendendo o prazo de admisión ata o 15 de xaneiro. Tamén da man da nova edición, chega o libro que recolle os traballos xonalísticos e os poemas gañadores o pasado ano.

O Belén de Begonte, declarado de interese turístico de Galicia, conta aproximadamente con medio cento de grupos de figuras que desenvolven oficios e actividades tradicionais, e recibe cada ano entre 30.000 e 40.000 visitantes.

Nesta edición, os seus responsables apostaron por reforzar a páxina web para chegar ao maior número de persoas e de territorios desde as redes. Así, ao longo dos vindeiros días irán incorporando novos contidos que permitirán admirar o Belén en detalle e ofrecerán explicacións en castelán, galego e inglés.