O SLG, en contra da fusión dos colexios en Begonte

O Sindicato Labrego Galego expresou o seu apoio e solidariedade coas familias do Ceip de Baamonde, no concello de Begonte, “diante da intención do goberno municipal e da Consellaría de Educación de pecharlles o centro escolar. Cunha trintena de alumnos e alumnas, e dando asistencia directa a varias parroquias ademais de Baamonde, non se entende esta aposta por desmantelar este servizo esencial para a calidade de vida das familias e a formación da rapazada da zona”.

“Cando a aposta da Xunta debería ser reforzar os centros escolares que aínda seguen abertos no rural, con máis medios materiais e humanos, de cara a facer atractiva a vida en parroquias onde o tecido social aínda segue tendo forza; dedícase a clausuralos, incentivando a emigración, despoboamento e desertización dun rural que cada vez se ve privado de máis servizos públicos esenciais”, explican.

Por iso, o SLG vén de dirixir un escrito ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, pedíndolle que dea marcha atrás “na súa intención” de clausurar o Ceip de Baamonde para unificalo co Ceip Virxe do Corpiño na capital municipal, obrigando a todo o alumnado do primeiro a depender do transporte escolar para asistir a clases lonxe do seu domicilio. “Se o que quere é facer un conservatorio profesional de música nas instalación do CEIP de Baamonde, tal e como fixeron público varios medios de comunicación, instámoslle a crear un orzamento específico para tal fin cos fondos necesarios para dotar o Concello de Begonte das infraestruturas necesarias para levar a cabo o proxecto, pero que non desvista un santo para vestir outro: Dotar de instalacións un conservatorio de música non pode facerse a expensas de empeorar un servizo esencial como a educación dunha trintena de nenos e nenas, que se verán prexudicados por ter que formarse lonxe do seu domicilio e cunha mingua na calidade do ensino debido ao empeoramento de aspectos educativos como a ratio profesor/alumnado”, din.

Etiquetas