Continúa a rebaixa de casos de covid en toda a provincia

A provincia de Lugo continúa coa súa tendencia a baixa malia que a situación en Galicia e no resto do país mudou volve agravarse co empeoramento da incidencia acumulada a 14 e 7 días.

Polo tanto, Lugo baixa en 29 os casos activos ata situarse en 433 tras sumar 15 novos positivos (onte foron 34) e 51 altas (onte foron 41). Ademais hai tamén un acumulado de infectados de 6.708 e 6.133 curados. Novamente hai que lamentar unha nova vítima do virus, unha muller da residencia de Guntín, que coloca en 141 o número de persoas que perderon a vida na provincia dende que comezou a pandemia.

A hospitalización reduce un caso na UCI, con 5 agora mentres se mantén en planta con 18 persoas. No Hula hai 12 (un máis), 3 na Mariña e 3 no de Monforte (un menos).

Por concellos, en Vilalba segue baixando pouco a pouco o número de positivos a 14 días e xa está en 39 (2 menos que onte). Cospeito tamén rebaixa o seu número acumulado de casos a 14, un menos. Este concello era o que tiña a incidencia por número de habitantes máis elevada da comarca.

Pola contra, Muras, Abadín, Riotorto, Begonte e Pol non rexistraron ningún positivo nos últimos 14 días.

Na veciña As Pontes os datos ofrecen un primeiro respiro en moitas xornadas ao baixar a 134 novos casos en 15 días, 3 casos menos que onte.

Tanto Vilalba como As Pontes continúan en alerta máxima con peche permiteral e da hostalaría a partir das 17.00 horas, así como 50% de aforo no exterior con agrupacións dun máximo de 4 persoas.

Etiquetas