Córtase a ponte de Uriz para retirar unhas árbores do río

A Deputación de Lugo manterá cortada ao tráfico a estrada provincial LU-P-5101 á altura da ponte de Uriz, en Begonte, mañá venres e o vindeiro luns, 21 de decembro, para proceder á limpeza do río Ladra. Os técnicos da institución provincial detectaron que no leito do río hai pólas de árbores que se acumulan nos arcos da ponte e dificultan que a auga continúe co seu curso de xeito natural. Esta incidencia trasladóuselle á Confederación Hidrográfica e será na xornada de mañá e na do luns cando se efectúen os labores de limpeza.

Durante estes dous días, retirarase a maleza do leito do río. Mentres se executan estas obras, o tráfico será desviado por vías alternativas que estarán debidamente sinalizadas. As indicacións situaranse na rotonda do polígono industrial de Rábade, no cinto comarcal de Begonte e nos accesos procedentes de Pena de Rodas, Begonte, Outeiro de Rei e Friol.

Etiquetas