Skip to main content
A PastorizaActualidadeSecciones TerraCháXAVilalbaXermadeZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

A Deputación arranxa estradas en Vilalba, Xermade e A Pastoriza

Por 19 Decembro, 2020Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou a adxudicación de obras de mellora en estradas provinciais por máis dun millón de euros en nove concellos da provincia. “Seguimos demostrando o noso compromiso coa mellora da mobilidade”, subliñou José Tomé.

As obras efectuaranse en vías que discorren polos municipios de Barreiros, Monforte, Bóveda, Riotorto, Trabada, Lourenzá, Vilalba, Xermade, e A Pastoriza.

En Vilalba, o presidente anunciou a adxudicación das obras de mellora da vía LU-P-6510. Trátase da estrada que conecta os núcleos de Panchita e Oleiros, na que a Deputación inviste 150.000€.

En Xermade, déuselle o visto bo á adxudicación dunhas obras de mellora na vía LU-P-2204, a estrada que une Momán coas Pontes. Estes traballos execútanse en case quilómetro e medio desta vía, entre os puntos quilométricos 7,000 e 8,340 e teñen un orzamento de máis de 250.000€. O prazo de execución é de 6 meses. “Con esta última actuación, a Deputación mellorará máis de 8 quilómetros dos 9,7 que ten de lonxitude a vía, co que só restaría pouco máis dun quilómetro para o seu acondicionamento íntegro, cuxo proxecto será redactado no vindeiro ano 2021”, avanzou o Presidente.

Na Pastoriza, adxudicouse a rehabilitación do firme da estrada LU-P-1106, que vai de Castro de Rei a Campo do Oso, pasando por Reigosa. Ten un investimento de 167.180€. Melloraranse uns 4 quilómetros desta estrada, entre os puntos quilométricos 16,9 a 20,4. O prazo de execución de 9 meses.

Desfibriladores

Por outra banda, na Xunta de Goberno deste venres tamén se licitou por un importe de 60.000€ o contrato de subministro de 49 desfibriladores semiautomáticos, no marco da campaña Lugo, Provincia Cardioprotexida.

Esta licitación é por dous anos e forma parte desta iniciativa da institución provincial coa que “dotaremos de desfibriladores aos 49 concellos que decidiron sumarse á campaña, e que leva aparellada a formación necesaria a persoal municipal para o manexo dos aparatos desfibriladores”, detallou o Presidente.

Deste xeito, a Deputación contribuirá a mellorar a protección dos veciños e veciñas da provincia ante posibles fallos cardíacos cunha medida que vai na liña do que recomendan as organizacións de profesionais sanitarios. Tomé Roca indicou que “é moi importante contar con equipos desfibriladores nas instalacións e espazos públicos para reducir ao mínimo posible o tempo de reposta ante unha parada respiratoria. Estamos falando da diferencia entre a vida ou graves secuelas, ou mesmo a morte”.