A Reserva da Biosfera Terras do Miño, en contra do peche do Ceip de Baamonde

A Reserva da Biosfera Terras do Miño, en contra do peche do Ceip de BaamondeA representante do Sindicato Labrego Galego no Órgano de Participación da Reserva da Biosfera Terras do Miño, Margarida Prieto Ledo, presentou diante deste organismo unha proposta de apoio para manter aberto o Ceip de Baamonde e para reabrir o centro de saúde de Parga. Fíxoo no transcurso da xuntanza ordinaria que mantivo o órgano de participación onte, 17 de decembro, en Lugo. Finalmente, acordouse por unanimidade pronunciarse contra o peche do CEIP de Baamonde e a favor da reapertura do centro de saúde de Parga.

Indicou que entre os 26 concellos lucenses que integran a Reserva da Biosfera Terras do Miño, atópanse os afectados por este recorte de servizos no rural: Begonte e Guitiriz. Para o Sindicato Labrego Galego, “o que precisa o rural lucense para ser un entorno no que poder vivir dignamente e ser un lugar atractivo para residir, manténdoo así habitado e freando o despoboamento, son servizos públicos e de calidade. Por iso, non se entende que a Xunta de Galicia porfíe en pechar o CEIP de Baamonde, cando aínda ten unha trintena de alumnos e alumnas; e manteña pechado o centro médico de Parga, que atende unha ampla e dinámica zona rural”.

“Dende o SLG, congratulámonos pola decisión unánime do Órgano de Participación da Reserva da Biosfera Terras do Miño de oporse a este recorte dos servizos educativos e sanitarios no rural, unha posición que responde ao espírito do propio organismo que, no seu plan de acción se compromete a traballar para mellorar as condicións de vida dos habitantes, promovendo o seu desenvolvemento económico e social, baixo un enfoque de sostibilidade. Neste contexto, é necesario promover unha estratexia orientada á promoción económica, social e cultural dos habitantes do territorio, que respecte os elementos propios e propicie o desenvolvemento sostible”, conclúen.

Etiquetas