Friol logra aumentar a súa poboación durante o 2020

Despois de 16 anos en continuo descenso, a poboación no municipio de Friol viuse considerablemente incrementada en este ano 2020. Nos últimos anos a maior parte dos pobos rurais viron reducida a súa poboación a pasos axigantados.

Leva tempo falándose da famosa “España baleirada” ou “España despoboada”, que indica como o rural se desangra e diminúe a súa poboación, a cal marcha para as cidades e “abandonan” as súas vivendas que teñen nos pobos e aldeas.

No Concello de Friol, que foi protagonista da coñecido como  España baleirada ou España despoboada, tamén se deu este feito nos últimos tempos, pero durante este ano 2020 a súa poboación viuse incrementada notablemente, despois de anos de continuas baixadas.

Os datos que reflicten isto é o padrón municipal, que a día 1 de xaneiro do presente ano, era de 3.670 habitantes, e a día 30 de novembro pasa a ser de 3.772 veciños e veciñas.

“A falta de cuantificar todo o mes de decembro, estamos a falar dun aumento de 102 habitantes, que se explica porque houbo 201 altas entre nacementos (24), altas de outros municipios (159) e altas estranxeiro (18), contra 99 baixas, por cambios de domicilio (51) e por defunción (48)”, explica o alcalde.

Así, Jose Á. Santos móstrase optimista e confiado en que esta liña ascendente se manteña “e consigamos así que o noso municipio aproveite esta oportunidade de crecemento e manteña a curva ascendente de poboación, xa que nos da ánimos e forzas para seguir traballando en busca da mellora de servizos e favorecer a conciliación familiar e laboral das persoas que están instaladas no noso municipio, tratando de facer todo o posible e necesario para que a súa calidade de vida sexa a mellor posible”.

Segundo o rexedor, desde o Concello van continuar traballando na mesma liña que están a facer nos últimos anos, “conseguir impulsar en todos os ámbitos ao municipio e dando visibilidade de cara o exterior como un pobo con recursos, acolledor e moderno”.

Etiquetas