Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

A Deputación aumenta o Plan Único cunha axuda directa á hostalaría

Por 20 Decembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O Goberno da Deputación de Lugo anuncia que no Pleno ordinario deste mes, que terá lugar o día 29, aprobaranse as bases do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2021, que decidiu subir ata os 21,5M€.

“Dentro do noso compromiso de máxima cooperación cos concellos, cada ano tratamos de incorporar melloras no Plan Único, sempre pensadas para facilitarlles a planificación e a xestión dos investimentos e para que estes fondos sirvan da mellor maneira posible para atender as necesidades dos seus veciños e veciñas. Fixémolo neste ano 2020, abrindo unha nova liña para paliar o impacto da Covid, e, nesta ocasión, volvemos a incorporar melloras, de cara a un ano no que os concellos necesitan maior colaboración para combater a crise provocada pola pandemia e favorecer a recuperación social e económica”, subliñou o Presidente, José Tomé.

En concreto, destacan catro novidades introducidas polo Goberno provincial con respecto ao Plan Único do vindeiro ano.

Aumento da dotación económica ata os 21,5 millóns de euros, unha cantidade que se alcanzará entre as partidas incluídas nos Orzamentos do 2021 e a incorporación de remanentes.

Con esta decisión, a Deputación segue reforzando o seu principal instrumento de cooperación cos concellos. Isto é especialmente importante nun ano no que as entidades locais teñen máis necesidades polos efectos da crise sanitaria, sobre todo aqueles máis pequenos, nos que boa parte da actividade depende dos recursos económicos aportados pola Deputación.

Así mesmo, aumentando a dotación do Plan Único, o Executivo provincial tamén cumpre co recollido no Pacto de Goberno de incrementar progresivamente o orzamento deste programa, na medida das posibilidades.

Neste sentido, o Presidente incidiu en que a Deputación de Lugo segue a reforzar a cooperación cos concellos, “mentres a Xunta de Galicia, non satisfeita con ignorar ás deputacións e aos concellos para abordar a crise da pandemia e con cargalles máis competencias sen aportar recursos, aínda por riba, nos Orzamentos do 2021 recorta as transferencias aos concellos nun 6,4%”.

Nunca antes o Plan Único aprobouse con tanta antelación. É a primeira vez dende que existe este programa provincial de investimentos que se aprobarán as bases no ano anterior ao seu período de vixencia, algo “moi importante para os concellos, porque lles permite traballar con moita maior previsión, poderán empezar as obras nos meses de primavera e verán, a época máis axeitada para facelo, e tamén terán máis tempo para executar as actuacións que financian con cargo ao Plan Único”, explicou o Presidente.

O Goberno da Deputación prevé que a principios de xaneiro xa se poida abrir o prazo para que os concellos presenten os proxectos que queren desenvolver cos fondos do Plan Único, cando, nos últimos anos, comezaba na primavera.

Poderanse imputar os gastos de contratación de persoal dende primeiros de ano, unha decisión que axudará aos concellos a aproveitar mellor o Plan Único e que favorecerá a creación de postos de traballo. Esta medida terá carácter permanente, pero o vindeiro ano será especialmente importante para contribuír á recuperación do mercado laboral.

Nova vía para apoiar o sector servizos. Outra das novidades do Plan Único 2021 é que, dentro da liña COVID, ábrese unha nova vía de apoio ó sector servizos: hostalería, turismo e comercio, actividades que resultaron das máis gravemente afectadas polo impacto da pandemia e que son o músculo da actividade económica da provincia. Con esta nova medida, “volvemos a demostrar que as políticas da Deputación están pegadas á realidade da provincia de Lugo e que axudan a recuperar os sectores produtivos, dentro das nosas competencias e cos recursos dispoñibles”, asegurou José Tomé.

Estas son as principais novidades do Plan Único 2021, que, polo demais, mantén a súa esencia, como é a distribución dos fondos en función de criterios públicos e obxectivos, como son a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística.

O presidente da Deputación insistiu en que a Xunta de Galicia “debería seguir o exemplo da Deputación de Lugo e das outras dúas deputacións galegas que están gobernadas por forzas progresistas, e implantar, dunha vez por todas, un plan que garanta a distribución xusta e equitativa dos fondos públicos da Administración autonómica, sen partidismos, nin sectarismo, como fai agora. Isto melloraría a calidade democrática, pero tamén redundaría na cohesión social e no equilibrio territorial que tanto necesita a provincia de Lugo”.