Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

O 23 de decembro amplíase a rede de autobuses en Galicia

Por 20 Decembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Xunta completará o vindeiro día 23 de decembro a modernización do transporte público interurbano coa entrada en vigor dos últimos 19 contratos do Plan de Transporte Público de Galicia, que suporán a posta en marcha de 824 liñas de autobús que melloran o servizo aos usuarios e garanten o emprego a 599 condutores e 188 acompañantes. Esta ampliacion suporá cambios tamén para a comarca, donde se amplían as liñas Begonte e Guitiriz, Riotorto e A Pontenova.

Os servizos que se poñen en marcha correspóndense con 3 novos contratos para os servizos de longa distancia e outros 16 de ámbito intermunicipal e comarcal, en diversas zonas das provincias da Coruña, de Pontevedra e de Lugo.

A prestación destas expedicións contempla a utilización de 518 autobuses que percorrerán case 26,7 millóns de quilómetros ao ano, a través de 5.229 paradas e reservarán praza para máis de 7.500 escolares.

Estes novos contratos, unidos aos que xa están en vigor, conforman o mapa definitivo do transporte público que funcionará en Galicia na próxima década. Deste xeito, a comunidade queda conectada mediante unha rede con máis de 3.100 liñas de autobús que atenden máis de 49.000 paradas. A oferta de transporte interurbano acadará, así, os 2,3 millóns de servizos anuais e os 58,4 millóns de quilómetros percorridos.

A Xunta de Galicia inviste 73 millóns de euros anuais para a implantación e o mantemento de toda esta rede de servizos de transporte público.

Contratos de longa distancia

Os contratos de longa distancia que botan a andar este mesmo mes completan o deseño dunha rede de conexións que vertebra a mobilidade en autobús en toda Galicia. Trátase de tres contratos que cobren os servizos entre Lugo e Santiago de Compostela; os do Eixo Atlántico e as conexións con Lugo, Lalín e Fisterra; e os servizos entre A Coruña, Ferrol, Ortigueira, Viveiro, Vilalba e Lugo.

Neste novo mapa de servizos de longa distancia, o contrato de servizos entre Lugo e Santiago estrea a liña do Xacobús, para atender as necesidades dos desprazamentos de peregrinos entre Pedrafita do Cebreiro e Compostela. Esta liña nace con dous servizos diarios que funcionan todo o ano, e un reforzo de dous máis de marzo a outubro, meses nos que o Camiño recibe unha maior afluencia de peregrinos.

Ademais, este contrato estrea unha liña directa entre Lugo e Santiago a través da autovía A-54, que reduce o tempo de viaxe en 40 minutos con respecto da que circula pola estrada nacional. Entra en funcionamento con 4 servizos os días laborables e permite reducir tempos, de 2 horas e 5 minutos a 1 hora e 25 minutos de traxecto.

Tamén se inclúen neste contrato outras liñas que conectan este eixe con outros concellos da contorna. En total suman 9 liñas, das cales unha é compartida e outra baixo demanda, que abarcan 165 paradas. Deste xeito, cada ano prestaranse case 11.800 servizos e os 12 autobuses percorrerán máis de 1,15 millóns de quilómetros, dando emprego a 16 condutores e 1 acompañante.

Por outra banda, o contrato do Eixo Atlántico comprende un conxunto de liñas que reforzan as conexións entre as sete cidades galegas. Artellan unha rede para cubrir os desprazamentos por toda Galicia de norte a sur desde Ferrol ata Vigo e tamén ao largo, chegando desde Fisterra ata Lugo ou Verín.

Dentro desta reordenación inclúense unha boa parte de liñas que contan cun número reducido de paradas para facer máis áxiles os desprazamentos entre as cidades: entre Santiago e Fisterra, con dous servizos diarios de luns a venres; entre A Coruña e Vigo, pola AP-9, con 15 servizos diarios de luns a venres e paradas en Santiago e Pontevedra; entre A Coruña e Santiago, con 5 servizos diarios de luns a venres; entre Santiago e Vigo, con 2 servizos diarios de luns a venres; e entre Santiago e Ourense, con 11 servizos cada día laborable.

En total, as 62 liñas que forman parte deste contrato, das cales unha está dispoñible baixo demanda, chegan a 443 paradas. Cada ano prestaranse máis de 72.000 servizos e os 62 autobuses en funcionamento percorrerán preto de 6,4 millóns de quilómetros, dando emprego a 86 condutores.

En canto ao terceiro dos contratos de longa distancia, abarca este tipo de traxectos no norte das provincia de Lugo e da Coruña, á vez que inclúe conexións con Santiago, Lugo e Ourense.

Entre as melloras que ofrece este contrato atópase a creación dunha nova liña directa entre Lugo e Ferrol, que nace con 3 servizos ao día, de luns a venres, e un reforzo os domingos durante a temporada lectiva universitaria.

Ademais, a implantación do contrato establece as conexións da Mariña coas cidades de Santiago e A Coruña, e contempla 3 liñas entre A Coruña e Ourense.

En total, conforman este contrato 17 liñas que dan cobertura a 415 paradas, con ata 8.000 servizos anuais que elevan a cifra de quilómetros percorridos polos 10 autobuses que operan as viaxes ata os 900.000, dando emprego a 12 condutores.

Reforzo na provincia

Ademais dos contratos de longa distancia, o día 23 de decembro entran en vigor outros 16 de ámbito comarcal e intermunicipal, que veñen completar a implantación do Plan de Transporte Público de Galicia.

Estes novos contratos abranguen liñas de autobús que operarán en case toda a provincia da Coruña, na provincia de provincia de Pontevedra e Lugo. Nesta última amplíanse as liñas que unen Begonte e Guitiriz, Riotorto e A Pontenova e Pantón e O Saviñao.

Os cambios de frecuencias

A reordenación do transporte interurbano incorpora melloras nas frecuencias, horarios e na eficiencia para as empresas, converténdose nun servizo público mellor adaptado ás necesidades actuais da sociedade galega.

Así, ás melloras na cobertura das liñas e nos horarios, hai que sumarlles o aforro económico. A modernización do transporte público permitiu acadar un sistema máis eficiente, grazas tamén á aposta polas modalidades de transporte compartido e baixo demanda, cun único sistema tarifario e prezos máis baixos.

Ademais, ao culminar a implantación do Plan de Transporte Público será posible estender ao conxunto de Galicia o uso da tarxeta de Transporte Metropolitano e, progresivamente, a Xente Nova, de tal xeito que na primeira metade de 2021 todos os menores de 21 anos poderán viaxar de balde no autobús interurbano da Xunta.

Punto de información

Para que as persoas usuarias do transporte público estean informadas dos cambios, a Xunta dispón do sitio web Bus.gal, que facilita o acceso a eses datos.

Accedendo ao citado sitio web, os usuarios poden botar man dun formulario que lles permite planificar a súa viaxe. Escollendo unha orixe, un destino e a data do desprazamento, a páxina amosa as expedicións dispoñibles para ese servizo concreto. Esta ferramenta contempla incluso a opción de transbordos para completar o itinerario.

Ademais, Bus.gal tamén ofrece a posibilidade de descargar unha ficha informativa dos servizos actualizados para cada municipio que se implantarán o día 23. Para obtela é preciso dirixirse á pestana de ‘descargas’ do sitio web e seleccionar o concello que sexa de interese. Con estas dúas opcións, os viaxeiros poden consultar en calquera momento e dun xeito áxil os servizos que teñen dispoñibles.

En días pasados a Xunta dirixiuse aos 194 concellos beneficiarios destes novos servizos de transporte para informalos da posta en marcha e para comunicarlles que a través da páxina web Bus.gal teñen dispoñibles todas as liñas e horarios referidas ao seu ámbito territorial. Esta información tamén se tren trasladado aos 86 centros escolares cuxo transporte está incluído nalgún dos 19 contratos que se implantarán o vindeiro 23 de decembro, facilitándoselles ademais un contacto do servizo da Dirección Xeral de Mobilidade encargado de cada contrato, ao obxecto de resolver dúbidas ou atender calquera consideración.