Skip to main content
ActualidadeBegonteSecciones TerraCháXAZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

O Belén de Begonte ten en marcha varios certames culturais

Por 22 Decembro, 2020Sin comentarios

Nova edición do Belén de Begonte adaptada ás restricións impostas pola situación sanitaria, polo que propón unha visita virtual pero conserva a totalidade dos certames e a actividade cultural vinculada ao evento.

O Belén, a piques de cumprir 50 anos -en decembro do 2021-, poderá ser visitado nesta ocasión a través da súa web, que recolle a historia e outra información de interese sobre o proxecto. Xa está incorporado tamén o pregón deste ano, a cargo do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.

Exposicións e certames culturais completan a programación de actos

Así, xa está aberta ao público a exposición fotográfica Imaxes do Nadal, na sala de exposicións da Delegación Territorial; a partir do 2 de xaneiro pasará á Biblioteca Pública Provincial, que agora alberga a mostra No Belén de Begonte, seis paneis con fotografías acompañadas de anacos de poemas correspondentes aos traballos premiados en diferentes edicións do Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal.

No marco do Belén, convócase de novo este concurso de poesía así como os de xornalismo, debuxo infantil e o certame galego de arte José Domínguez Guizán, estendendo o prazo de admisión ata o 15 de xaneiro. Tamén da man da nova edición, chega o libro que recolle os traballos xonalísticos e os poemas gañadores o pasado ano.

O Belén de Begonte, declarado de interese turístico de Galicia, conta aproximadamente con medio cento de grupos de figuras que desenvolven oficios e actividades tradicionais, e recibe cada ano entre 30.000 e 40.000 visitantes.

Nesta edición, os seus responsables apostaron por reforzar a páxina web para chegar ao maior número de persoas e de territorios desde as redes. Así, ao longo dos vindeiros días irán incorporando novos contidos que permitirán admirar o Belén en detalle e ofrecerán explicacións en castelán, galego e inglés.

CERTAMES

XXXI Certame galego de arte José Domínguez Guizán
Terá un premio de 1.500 euros e estatuíña de Sargadelos. Poderán optar a este premio obras de pintores galegos (nados en Galicia ou residentes habituais), con tamaño máximo de 1,5 m por 1 m, con ou sen marco.

Cada autor poderá presentar un máximo de dúas obras, acompañadas dos datos identificativos de obra e autor. As obras, debidamente protexidas para evitar calquera deterioro, serán remitidas –libres de gastos– ao Centro Cultural de Begonte. As non premiadas serán devoltas libres de gastos ao enderezo que indiquen.

O xurado seleccionará de entre as obras presentadas a gañadora do Certame, que quedará en propiedade da entidade convocante. As obras presentadas, ou unha selección destas, serán expostas durante a segunda quincena de xaneiro de 2021 na sala da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo.

XLV Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal
Poden participar todos os poetas que o desexen, con textos en galego ou en castelán. O tema dos traballos ha ser o de O Nadal, desde calquera punto de vista. Valoraranse os textos que fagan referencia a Begonte e o seu Belén. É libre a construción dos poemas e a medida dos versos. Concederanse dous premios de 600 euros e estatuíña de Sargadelos, e un segundo de 300 euros e estatuíña de Sargadelos.

A remisión de orixinais farase ao correo electrónico info@belendebegonte.es, en dous arquivos: Un, co traballo poético a concurso, e outro, identificado como “Plica”, co título do traballo, no que figurarán os datos personais do/a autor/a, que só será aberto no caso de resultar premiado o traballo con algún dos premios instituídos ou coas mencións que, no seu caso, acorde conceder o Xurado. Quen desexe entregar persoalmente o seu traballo, ou remitilo por correo certificado, pode facelo ao Centro Cultural convocante.

XLV Certame Xornalístico Begonte e o Nadal
Pode tomar parte neste certame quen publique, en calquera xornal, revista ou en Internet, en lingua galega ou castelá, algún traballo ou serie de traballos nos que se faga referencia ao Nadal en Begonte e en xeral ao Nadal en Galicia. Concederanse dous premios de 600 euros e estatuíña de Sargadelos, e un segundo de 300 euros e estatuíña de Sargadelos.

A remisión de orixinais que se presenten ao Certame, hase de facer ao correo electrónico info@belendebegonte.es, antes das doce horas do día 15 de xaneiro de 2021, indicando os datos do/a autor/a. A cada envío seralle acusado recibo polo mesmo medio. Quen desexe entregar persoalmente o seu traballo, ou remitilo por correo certificado, pode facelo ao Centro Cultural convocante, no prazo que se indica.