Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

O BNG de Outeiro pide que non se cobren as taxas municipais en vivendas ruinosas

Por 23 Decembro, 2020Sin comentarios

O BNG de Outeiro de Rei vén de presentar unha moción para debater no próximo pleno na que se solicita que o Concello proceda a anular de oficio o requirimento que está a facer a moitas veciñas e veciños para que paguen a taxa de recollida de lixo de vivendas en estado ruinoso e que baixo ningún concepto están en condicións de poder ser habitadas.

Dende o BNG non parece normal que se lle intente cobrar por un servizo que resulta imposible que poida ser usado, por afecta a unha construción inhabitable e, polo tanto, que non pode xerar o feito impoñible da taxa, o lixo.

Nesta proposta tamén se solicita que se proceda a devolver as cantidades que se tiveran pagadas por este concepto, independentemente de que se fixeran reclamacións ou non.

Dende o BNG tamén se informará nas próxima semanas ao conxunto de veciñanza de como terían que facer para cursar as reclamacións oportunas, elaborando un modelo argumentado xuridicamente a tal efecto e que poida ser usado por calquera persoa que o desexe.

“Esperamos que o alcalde rectifique e que isto non sexa necesario, pero se non é así, poñémonos a disposición da cidadanía para intentar corrixir esta inxustiza” informou Xosé Ferreiro.

Subida desmesurada da taxas en plena pandemia

“Nos últimos meses, curiosamente coincidindo co inicio da pandemia, o concello de Outeiro comezou unha campaña recadatoria sen precedentes, subindo todas as taxas do concello chegando incluso ata un 60% nalgúns casos”, indican os nacionalistas.

Esta situación prodúcese pola política de “despilfarro” en gastos de persoal e contratacións seguida polo concello nos últimos tempos, cuestión que está a provocar problemas económicos moi serios nas arcas municipais.

Nesta moción, dende o BNG tamén se solicita que se modifique a ordenanza desta taxa de recollida de lixo para que se contemple nela os casos das familias que poidan ter problemas económicos debidos á crise derivada da Covid, facendo as exencións ou rebaixas que se consideren oportunas en función desas circunstancias.

“No BNG seguimos a crer que cando unha familia non dispón dos recursos necesarios para levar unha vida digna, non se lles pode ir a cobrar impostos ou taxas, e dende o concello moitos menos”, rematou dicindo o concelleiro do BNG.