O centro de Saúde de Vilalba xa conta cunha carpa á entrada

O Concello de Vilalba xa instalou unha carpa diante do Centro de Saúde, onde os veciños e veciñas poden resgardarse do frío e da choiva mentres agardan a súa cita para revisións, analíticas, probas ou mesmo o sintrom. Esta instalación temporal foi colocada polo Concello “ante as múltiples queixas e a inacción da Xunta para dar resposta”.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, manifestou que “moitas persoas fixéronnos chegar a súa desconformidade con esta situación, pois hai moita xente que ten que esperar fóra do ambulatorio sen ter un lugar no que acubillarse durante un período longo de tempo”, engadindo que “finalmente foi o concello quen habilitou esta carpa porque a Xunta non está dando resposta ás necesidades da veciñanza, nin neste nin en ningún outro concello”.

Esta medida vai encamiñada a “evitar que as persoas que acoden ao centro de saúde teñan que facer a súa espera á intemperie, con condicións climatolóxicas adversas que non son agradables para ninguén, especialmente pensando nos máis maiores e tamén nos pequenos”, subliñou Veleiro. Desde o goberno local pretenden “proporcionar unha solución e con isto tamén contribuír a facilitar e mellorar o traballo do persoal do Centro de Saúde”.

Así mesmo, piden que se respecten as distancias de seguridade “evitando posibles aglomeracións neste espazo”, e lembran que Vilalba vén de atravesar semanas críticas no eido sanitario “e toda axuda é pouca, estea dentro das nosas competencias ou non, nós traballamos para todos os vilalbeses e vilalbesas”.

Etiquetas