Dous empresarios maniféstanse contra o servizo de urbanismo de Vilalba

A Asociación Sete Pontes de Vilalba vén de solicitar o apoio dos seus socios nunha concentración para protestar pola xestión do servizo de Urbanismo do Concello de Vilalba.

Os empresarios aseguran que se produxeron “unha serie de neglixencias” que se puxeron de manifesto o pasado 18 de decembro nunha rolda de prensa promovida por Manuel José Rodríguez Otero. En dito acto, denunciouse que o Concello e o arquitecto municipal tiñan que ter resolto antes do 15 de decembro un expediente de ampliación dunha SAT de gandería, para poder optar a unha subvención dun importe de 250.000 euros. Ao non terse outorgada tal licencia, malia ser solicitada o 27 de agosto por sede electrónica, o empresario non puido optar a dita axuda. Na rolda de prensa, Carlos Xosé Currás Pico, veciño de Vilalba, tamén mostrou o seu descontento co servizo por un motivo similar, e déronse a coñecer máis queixas e moitas mostras de apoio ante os feitos.

Debido a isto, solicitóuselle á Subdelegación do Goberno de Lugo a autorización dunha manifestación que, finalmente, terá lugar mañá mércores 30 de decembro, ás 13:30 horas, na praza da Constitución de Vilalba, na entrada do Concello de Vilalba, “onde se espera que acuda o maior número de xente posible”, tal e como subliña a asociación Sete Pontes.

Etiquetas