Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

O Pleno da Deputación saca adiante as bases para o Plan Único do 2021

Por 29 Decembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O Goberno da Deputación de Lugo sacou adiante as bases do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2021 no pleno da Corporación provincial celebrado este martes. O presidente da institución, José Tomé Roca, subliñou que a aprobación das bases no ano anterior ao da súa vixencia, por primeira vez dende que existe o plan, é unha das novidades do programa de investimentos, xunto coa subida da dotación económica ata os 21,5M€, a posibilidade de imputar gastos de contratación de persoal dende principios de ano e a apertura dunha nova vía de apoio ao sector servizos para favorecer a recuperación dunha das actividades económicas máis gravemente afectadas pola crise da Covid-19.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, subliñou que “hoxe temos unha boa noticia para os 67 concellos da provincia e, por elo, unha boa noticia para os veciños e veciñas da provincia. Dentro do noso compromiso de máxima cooperación cos concellos, cada ano tratamos de incorporar melloras no Plan Único. Melloras pensadas para facilitarlles aos concellos a planificación e a xestión dos investimentos e para que estes fondos sirvan da mellor maneira posible para atender as necesidades da veciñanza”.

Nesta liña, a deputada explicou que durante o ano 2020, a Deputación abriu unha nova liña para que os concellos puideran promover medidas sociais e económicas de loita contra o impacto da COVID-19. “Nesta ocasión, volvemos a incorporar melloras no Plan Único de cara a un ano no que os concellos necesitan maior colaboración para combater a crise provocada pola pandemia e favorecer a recuperación social e económica”, recalcou.

Aumento da dotación económica

Neste senso, García Porto indicou que o Goberno da Deputación aumenta a dotación económica do Plan Único ata alcanzar os 21,5M€, unha cantidade que se chegará coa incorporación de remanentes. “Con esta decisión seguimos reforzando o principal instrumento de cooperación cos concellos que temos na Deputación. Isto é especialmente importante nun ano no que os concellos teñen máis necesidades polos efectos da crise sanitaria, sobre todo aqueles máis pequenos nos que boa parte da actividade depende dos recursos económicos aportados pola Deputación”.

Ao mesmo tempo, a deputada puxo en valor esta decisión “ao cumprir co recollido no pacto de Goberno de incrementar progresivamente o orzamento do Plan Único, na medida das posibilidades. Pola contra, a Xunta de Galicia, ademais de ignorar ás deputacións e aos concellos para abordar a crise da pandemia e con cargarlles máis competencias sen aportar recursos, nos Orzamentos para o ano 2021 recorta as transferencias aos concellos nun 6,4%”.

Traballar con maior previsión

Así mesmo, a voceira do Goberno salientou a antelación para aprobar o Plan Único da Deputación. “Por primeira vez dende que existe este Plan, aprobamos as bases no ano anterior ao seu período de vixencia. Isto é moi importante para os concellos porque lles permite traballar con moita maior previsión; poderán empezar na primavera verán as obras, a época máis propicia para facelo, e terán máis tempo para executar as actuacións que financian con cargo ao Plan Único. De feito, prevemos abrir xa a principios de xaneiro o prazo para que poidan presentar os proxectos que queren desenvolver cos fondos do Plan Único, cando nos últimos anos o prazo abríase na primavera”.

Contratación de persoal dende principios de ano
García Porto explicou que outra decisión que axudará aos concellos a aproveitar mellor o Plan Único é que poderán imputar con cargo a estes fondos os gastos de contratación de persoal dende principios de ano. Isto favorecerá a creación de postos de traballo, e facelo dende primeiros de ano, unha medida que terá carácter permanente, pero que o vindeiro ano será especialmente importante para contribuír á recuperación do mercado laboral.

Axudas ao sector servizos

A voceira socialista do Goberno subliñou que outra das grandes novidades do Plan Único 2021 é que, “dentro da liña COVID, abrimos unha nova vía para que os concellos poidan apoiar ao sector servizos: á hostalería, ó turismo e ó comercio, actividades que resultaron das máis gravemente afectadas polo impacto da pandemia e que son o músculo da actividade económica da provincia”.

“Con esta nova medida volvemos a demostrar que as políticas da Deputación están pegadas á realidade da provincia de Lugo e que axudan a recuperar os sectores produtivos, dentro das nosas competencias e cos recursos dispoñibles”, subliñou García Porto.

Finalmente, García Porto incidiu en que o Plan Único 2021 mantén a súa esencia, como é a distribución dos fondos en función de criterios públicos e obxectivos, como a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento. Ademais, como en anos anteriores, fíxase un máximo de 500.000€ para os concellos de máis habitantes, e de 200.000€ para os concellos que teñen menos habitantes.