Reportaxe: Bloquinho de Xermolos

  A banda de Guitiriz, especializada en composicións dinámicas, sinte paixón pola música afrobrasileira de Salvador de Bahía

Bloquinho de Xermolos é unha banda guitiricense con composicións da rama afrobrasileira, misturas africanas e unha infinidade de culturas que está composta por Kamy Iglesias, directora do grupo, marcación e timbau; Roberto Campello aos fondos; Gabriel Arias coa caixa; Marina Miraz co cortador e repenique e Xoan Mouriz tamén no repenique. Marina ten outro grupo de rock no que se encarga a batería e ademais toca o acordeón; Kamy sempre sentiu paixón e admiración pola percusión e tamén é pandereteira ademais de darlle a diferentes instrumentos da rama da percusión étnica. Pola súa banda, Roberto toca a frauta traveseira fóra da percusión e sinte paixón pola música afrobrasileira; Gabriel é gaiteiro e tamén toca a trompeta e Xoán tamén é percusionista de música tradicional galega.

Esta aventura musical comezou xa fai varios anos cando se reunían unhas cantas persoas, concretamente amigos para tocar percusión, normalmente na area recreativa dos Sete Muiños, onde hai unha contorna natural que se presta moito a este tipo de música. Todos estes rapaces son de Guitiriz e arredores o que facilitou moito as súas xuntanzas.

“Algúns membros da banda somos amigos, outros pertenecen tamén á Banda Municipal de Guitiriz e digamos que uns fumos chamando aos outros”, di Kamy. “É un grupo polo que xa pasou bastante xente diferente, aínda que agora intentamos estar fixos porque polo tema de ensaios e demais é moi difícil traballar se entra xente e sae continuamente”.

“É imprescindible desfrutar do que fas cos teus compañeiros e sentir a verdadeira vibración da percusión”

Este tipo de formacións préstanse a multitude de músicos, polo que sempre están abertos a acoller xente que sinta paixón pola música.
Polo grupo pasou moita xente diferente pero a día de hoxe “estamos os que tiñamos que estar nestes momentos, cada un de nós sinte verdadeiramente paixón pola música en diferentes ámbitos e pensamos que o máis importante para motivarse neste tipo de bandas é principalmente que che entusiasme tocar, non vale de nada estar por estar si esta música non che gusta, é imprescindible desfrutar ao máximo do que fas cos teus compañeiros, sentir a verdadeira vibración da percusión”, engade Kamy.

Lembran as primeiras ocasións nas que se xuntaban para ensaiar pois eran momentos moi creativos. A partir de aí “puxémonos a andar e comezamos a facer as nosas variacións e arranxos, aínda que sempre fumos moi puristas, queremos gardar moito rigor coas auténticas raíces da música afrobrasileira de Salvador de Bahía”. A día de hoxe, hai moitas bandas deste tipo que practicamente constrúen temas novos dende cero e cando os escoitas pode estar moi ben a nivel técnico pero non se identifican as verdadeiras raíces. “Nós construimos algunha cousa pero sempre tendo presente a auténtica esencia afrobraisileira”, di Iglesias.

Os ensaios comezaron na parroquia de Santa Mariña onde hai un descampado moi amplo e como non necesitan moito espazo para as coreografías, “sempre foi un sitio que se adaptou moi ben”. Xa no inverno necesitaban un espazo aclimatado e así pasaron por diferentes locais ata que o Concello de Guitiriz deixoulles un espazo da Casa Barxa.

A súa música son composicións moi dinámicas, con ritmos base, moitas quebradas e convencións polo medio que acompañan e reforzan coas coreografías. “É un traballo que esixe moitísima coordinación, cada un de nós somos unha peza imprescindible, é un traballo conxunto”, di Kamy.

Esta música tense que compartir directamente coa xente da rúa, xa que é moi achegada que se fai a pe de rúa tal e como fan nas rúas de Bahia (concretamente no barrio do Pelourinho). É algo que chama moito a atención, unha música moi alegre, divertida e que resulta moi potente, “nada máis dar a primeira nota nun sitio a xente xa nos percibe e sabe que algo estase cocendo”. Coa nova normalidade seguro que terán que cambiar moitas cousas e a nivel físico non poderán interactuar demasiado co público malia que no aspecto emocional farán todo o posible para que os sintan igual de preto ca sempre.

A primeira actuación que fixeron no pub Xoldra foi na festa da cervexa e a que lembran con agarimo porque tivo moi boa acollida xa que naquel tempo este tipo de música era descoñecida na zona chairega e na provincia. “Cos anos, fumos conseguindo actuacións en festas e festivais moi importantes. Estivemos nas festas do San Froilán, no Festival de Pardiñas, na Maruxaina de San Cibrao, no Entroido de verán en Verín, nas Cabalgatas de Reis, e en moitas festas de vilas como Foz, Miño, Espasante, Vilalba, Panxón, Santiago de Compostela, etc…”, di Kamy.

Etiquetas