Vaite dous mil vinte

Por Pablo Veiga

Aquela noite na que, cumprindo coa tradición e a ritmo de baladadas, tomabamos as doce uvas de rigor para recibir o novo ano, en absoluto eramos quen de imaxinar o que viría tan só tres meses máis tarde. Dese momento onde todo se cinguía a bos desexos e propósitos para que a vida fose ben a un tempo no que contemplamos como nos tivemos que recluír nas nosas casas; as escolas, institutos e universidades ficaban pechadas, a actividade laboral reducida, as competicións deportivas, suspendidas, e cifras de mortos que xeraban pavor. Nin nos tempos da guerra, escoitábase dicir ós maiores, os cales non daban crédito ó que estaba a acontecer –e o resto de humanos tampouco-. O certo é que nunca tal se vira, a sorpresa foi monumental e a xestión do fenómeno, moi complexa. Por riba de todo, o que semellaba ser unha cuestión dun par de semanas, prolongouse bastantes máis. Chegado o verán e cando parecía que o pesadelo quedara atrás, este volveu con forza e resístese a abandonarnos a día de hoxe.

No camiño percorrido aprendemos novos conceptos e expresións, tales como confinamento, desescalada, nova normalidade, … Todos provocados por este virus ó que lle puxeron unha coroa diante para diferencialo dos demáis.

Á hora de facermos balance de como foi este ano, cada quen terá os seus motivos para individulamente realizar a correspondente valoración. Coma sempre, haberá de todo. Mais en xeral, cómpre recoñecer que o exercicio en cuestión, que prometía ser o comezo dunha década especial, aínda que só fose por rememorar aqueles tolos anos vinte do século pasado, resultou ser catastrófico. As consecuencias son de sobra coñecidas, aínda así non podemos deixar de referírmonos a elas.

Falamos de que a pandemia mencionada está a ser a máxima culpable de que os nosos comportamentos e costumes cambiaran radicalmente, ata o punto de non sermos quen de recoñecelos. Como se pode cualificar unha situación como esta na que todos temos que andar cunha máscara cubríndonos nariz e boca, ou que debamos facer cálculos para celebrar unha reunión familiar e que os eventos que forman parte das nosas vidas teñan limitacións de aforo. As palabras escollidas non terán un alegre significado. Que adxectivo lle poñemos a esta anormal e inaudita realidade nun ano sen verbenas, festivais e outros espectáculos que reunían moreas de persoas e que repercutían positivamente na economía de moita xente. Abofé que se nos veñen á mente unha chea deles, pero todos eles malsoantes.

E por riba, no momento actual, as previsións existentes para un futuro inmediato están cargadas de incógnitas. Agardando por unha vacina con resultados reais e efectivos, moito nos tememos que os vindeiros tempos seguirán condicionados polo Covid-19. Aínda así, cómpre lanzar un halo de optimismo para o que nos poida deparar o ano que recibiremos en breve.

Respecto a este dous mil vinte, mellor que marche axiña e que non volva. Seguro que a paz que leve hase compensar co descanso que deixa.

Etiquetas