A Deputación acorda pedir aclaracións sobre o peche do colexio de Baamonde

A Deputación de Lugo aprobou este martes no Pleno, co voto en contra do PP, unha proposta do grupo provincial socialista instando á Xunta de Galicia a que aclare ás familias se vai pechar o colexio público de Baamonde, en Begonte, ante o anuncio do Alcalde da localidade de unificar este centro co Virxe do Corpiño para que o edificio de Baamonde sexa a futura sé dun conservatorio profesional de música. Durante o debate da proposta estiveron presentes no Salón de Actos, onde se retransmitiu en streaming o Pleno, pais e nais dos alumnos que estudan en dito centro, así como veciños e veciñas do municipio.

A voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, explicou que esta decisión do Alcalde de Begonte ten motivado xa as protestas das familias e alumnos do CEIP de Baamonde, que manifestaron o seu descontento coa actitude do rexedor pola súa falta de vontade de consenso e diálogo. Nesta liña, salientou que “resulta difícil comprender o interese do goberno local por pechar un centro que dá servizo a unha trintena de alumnos e alumnas e que conta cunha dispoñibilidade de espazo e unha ratio especialmente adecuada no actual contexto sociosanitario”.

Por outra banda, a voceira demandou ao Concello que informe dun xeito pormenorizado sobre o proxecto de conservatorio que xustificaría esta decisión, pois a creación dun conservatorio profesional de música require múltiples xestións e procedementos previos que corresponden á Xunta, mediante decreto. “A Consellería de Educación pode asumir a creación do centro e a asunción dos gastos de funcionamento ou ser a administración local a que corra con eles, como sucede cos conservatorios profesionais de Monforte, Vilalba e Viveiro”, explicou.

Así mesmo, García Porto denunciou a actitude contraditoria da Xunta de Galicia, “que primeiro díxolles ás familias que non pretendía pechar o centro, despois que iso era cousa do Alcalde e logo, de novo, que non prevé o peche do colexio”.

A voceira lamentou “a estratexia política do PP de desmantelar servizos públicos no rural, pois así o fixo durante os últimos 10 anos, pechando máis de 100 escolas unitarias. E fíxoo en base a criterios de suposta racionalidade, que en realidade agochan unha política de perda de servizos básicos, como ocorre coa sanidade ou coas residencias da terceira idade”.

Pilar García Porto recalcou que o Partido Socialista “defenderá sempre o ensino artístico e a mellora da oferta educativa no rural. Pero precisamente por iso rexeitamos unha actitude unilateral que fai depender a creación dun servizo público do desmantelamento doutro. Se queremos que a xente viva no rural, non podemos desmantelar os servizos públicos e vostedes, coa súa postura, están a favor de facelo”.

Estudar, redefinir e oficializar os xeodestinos

Durante o Pleno ordinario da Deputación, a Corporación provincial aprobou, por unanimidade, a iniciativa do PSdeG para que a Xunta abra un proceso de diálogo cos concellos e as deputacións para estudar e redefinir o mapa actual de xeodestinos co obxectivo de que sirvan como unha ferramenta eficaz para o impulso do sector turístico.

Así mesmo, a proposta dos socialistas reclama que tras o mapa resultante dese proceso, unha vez escoitadas as suxestións dos concellos e feitos os cambios oportunos, adquira verdadeiro carácter oficial, co seu debate no Parlamento de Galicia e a súa publicación no DOG.

Ademais, a proposta recolle desenvolver un marco normativo para definir con claridade o proceso de creación dos xeodestinos, así como a definición dos seus órganos xestores, funcións, competencias e os mecanismos de modificación do mapa.

A voceira socialista lamentou a confusión xerada pola Xunta en torno á figura de xeodestino, o que lle resta eficacia á hora de converterse no instrumento impulsor do turismo, “algo que resulta especialmente grave neste momento de crise sociosanitaria, no que o sector turístico precisa claridade e políticas de estímulo para sobreporse ó efecto da covid”, rematou García Porto.

MOCIÓN POPULAR PARA AS ELECTROINTENSIVAS

O Grupo Provincial do Partido Popular acadou o apoio do BNG para que a Deputación esixa ao Goberno medidas económicas que aseguren a viabilidade da industria electrointensiva. Os nacionalistas respaldaron así a moción presentada polo PP, e que está dirixida a solicitar do Executivo estatal que complete a contía das compensacións económicas por custes indirectos de CO2 ata o máximo permitido pola Unión Europea; modificar o Real Decreto 1106/2020, de 15 de decembro, polo que se regula o estatuto dos consumidores para incluír todas as alegacións presentadas pola Xunta de Galicia, marcando así a folla de ruta para dispor a medio prazo de medidas semellantes ás que se aplican en Alemaña ou Francia; eximir dos cargos de financiamento das renovables e da coxeración ás empresas cun gran consumo enerxético; implementar, no menor tempo posible, os mecanismos que substitúen as poxas de interrompibilidade, como a reserva estratéxica de resposta rápida, contemplando deste xeito as singularidades da industria altamente consumidora en enerxía e procurando unha pronta apertura dos prazos de convocatoria; e reducir as peaxes eléctricas para as industrias electrointensivas. Os socialistas abstivéronse na votación.

Castiñeira defendeu a necesidade de que o Goberno teña en conta esta cuestións, pois sería a maneira máis axeitada para emendar a falta de liderado e de responsabilidade do Executivo de Pedro Sánchez á hora de buscar unha solución para Alcoa. O voceiro do PP explicou que os incumprimentos neste senso son manifestos. O 17 de decembro o Goberno aproba o estatuto despois de dous anos e logo de múltiples anuncios. “Primeiro dicían que non se podía cun Goberno en funcións, logo que se faría inmediatamente despois de que se constituíse pero, finalmente, non foi así”. Asemade, en febreiro deste ano, o Goberno presenta un borrador “que non vale para nada” e obriga aos afectados a presentar alegacións. Pasada outra tempada, e vistas as mobilizacións, anuncian que o van aprobar durante o verán. E, a finais de ano, a uns días de coñecer a sentenza do Ere de Alcoa –“que casualidade”- aproban un documento “totalmente decepcionante”. Javier Castiñeira manifestou así que “non o dicimos dende o PP, dino os dirixentes de Asturias e incluso representantes dos sindicatos tamén vinculados ao Partido Socialista e ao Bloque Nacionalista Galego”.

A electrointensiva galega está en serio perigo porque seguen pagando ao redor de 20 euros máis o megavatio/hora que os seus competidores directos en Francia e Alemaña e, fronte a isto, o Goberno presenta estatuto que só convence á industria catalá e valenciana, posto que amplían as axudas a industrias menos consumidoras pasando de 120 perceptores a 600 sendo a maior parte desas autonomías; é dicir, o estatuto recorta o apoio ás empresas galegas e segue criterios políticos e de territorialidade, no canto de facilitar a competencia.

Oportunidade para rectificar o ataque á industria galega

“O seu ataque á industria galega é demoledora. Primeiro, amosando unha intransixencia enerxética que rematou pechando as centrais de Meirama e das Pontes, onde deixaron colgados a centos de familias de transportistas chairegos polos que non se preocupou. Foi a Vilalba a presentar un parque acuático e esqueceuse dos transportistas do carbón”, indicou, ao tempo que remarcou que “seguimos sen solución para o aluminio primario”. “O plan dos socialistas en Coruña e Avilés foi un fracaso e San Cibrao segue sen garantías de futuro; de aí que lle pidamos unha rectificación porque aínda estamos a tempo, como así se fixo fai poucos días no Parlamento de Galicia”, concluíu.

Etiquetas