Autorizan as expropiacións para executar as obras da estrada de Friol a Palas

Autorizan as expropiacións para executar as obras da estrada de Friol a PalasO Consello da Xunta autorizou hoxe as expropiacións para executar a primeira fase das obras de mellora da estrada LU-231, entre Friol e Palas de Rei, cun investimento de case 2,8 millóns de euros.

O Decreto de utilidade pública comprende as expropiacións dos 222 predios necesarios para acometer o acondicionamento da vía.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto o levantamento de actas previas e a licitación do contrato de obras no primeiro trimestre de 2021. As actuacións disporán dun prazo de execución de 12 meses, aproximadamente.

Trátase do acondicionamento dos primeiros 9,4 km da estrada LU-231, 8,9 situados no concello de Friol e os últimos 500 metros no de Palas de Rei, é dicir, o treito entre a travesía de Friol e o acceso a Castrelo.

A sección da estrada ten actualmente un ancho aproximado de 5 metros, polo que os carrís son estreitos e non contan con beiravías. Esta sección ampliarase ata os 8 metros, con dous carrís de 3,5 m de ancho cada un e beiravías de 0,5 m, salvo na zona con máis edificacións.

O proxecto prevé melloras do trazado, suavizando as curvas de menor raio. Cabe salientar que se mellorará o cruzamento do punto quilométrico 2+100 coa estrada provincial LU-P-1611, pola cal se chega a Guntín, nun sentido, e a Begonte (A-6), no outro.

A estrada LU-231 ten aproximadamente 18,7 quilómetros desde a travesía de Friol ata o enlace coa A-54 máis próximo ao núcleo de Palas de Rei. A Xunta ten previsto a súa mellora en dúas fases, para o que contratou a redacción de dous proxectos construtivos, o segundo está redactado e en fase de supervisión técnica.

A execución desta actuación permitirá conformar xunto coa estrada provincial LU-P-1611 un eixe norte-sur de mobilidade con prestacións axeitadas entre a A-54 en Palas de Rei e a A-6 en Begonte, nun punto moi próximo ao sen enlace coa A-8.
Este eixe viario suporá a mellora da competitividade para a produción do sector primario e a industria desta contorna da provincia de Lugo.

ALCALDE DE FRIOL

Esta obra foi unha das iniciativas do alcalde de Friol, José Antonio Santos, que calificou de “vergoñento” o seu estado. Este vial é tamén a vía que serve de conexión entre a autovía do norte coa futura de Santiago, unha das vías de comunicación máis importantes para o municipio de Friol.

Segundo explica o alcalde, por esta estrada circulan diariamente un elevado número de usuarios, moitos deles veciños de Friol, dado que moitos núcleos de poboación e á vez varias parroquias de devandito municipio dispoñen desta vía como o principal acceso, xa que logo moitos destes veciños utilizan dita estrada para trasladarse tanto á capitalidade do municipio como a diferentes puntos da provincia e ata da comunidade.

O Alcalde xunto co seu equipo de Goberno consideran que “o pavimento de devandita vía está nun estado deplorable e vergoñento e que transitar por ela fai que sexa un perigo constante para todo tipo de vehículos”.

 

Etiquetas