Begonte convirte unha antiga escola de Saavedra nunha vivenda social

A parroquia de Saavedra remata as obras da que fora a escola do barrio de Vilagrande, a cal levaba anos abandonada. O Concello de Begonte puxo ao cargo da empresa José Sanjurjo Construcións, de Vilalba, o acondicionamento do edificio para que pasara a ser unha vivenda social onde persoas en situación de vulnerabilidade, coma xente sen teito ou vítimas de violencia de xénero, tiveran un fogar para refuxiarse. Concretamente, a planta superior do edificio dos anos 60, será a zona habilitada para os futuros residentes.

Alí foi onde durante anos se establecía a vivenda do mestre cando a escola estaba en activo. Na distribución do inmoble atópase unha cociña, un espazo de salón-comedor, dúas habitacións, un baño e unha zona independente para o tendal e lavandaría. Ademais de isto, tamén se arranxou unha habitación na planta baixa, os chanzos de acceso e máis se fixeron melloras na fachada exterior.

Na obra, invertéronse un total de 48.400 euros, dos que máis de 12.000 proveñen da Deputación e, o resto, da Xunta. Para os vindeiros meses prevese incluír o mobiliario necesario na vivenda e esperase poder acondicionar tamén o baixo, que goza de 45 metros cadrados divididos nun vestíbulo e dous aseos. O Concello e a área de servicios sociais realizarán un plan para o regulamento da entrega da vivenda para cando esta sexa finalmente habitable.

Etiquetas