A Deputación aproba un investimento para un camión contra incendios en Xermade

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou de que a Xunta de Goberno celebrada este mércores aprobou axudas por un total de 355.000 euros para a mellora e dotación de servizos e infraestruturas de concellos e colectivos de toda a provincia.

Tomé Roca subliñou que este investimento “é un exemplo da firme aposta que dende o Goberno da Deputación estamos facendo por apoiar e traballar da man co tecido social e económico da provincia de Lugo. Neste momento de crise sanitaria e económica, as institucións públicas temos que desenvolver políticas centradas nas persoas e centradas na recuperación económica dende o sector público”.

60.000 euros para un camión contra incendios en Xermade

A Xunta de Goberno acordou aprobar o convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello de Xermade para a compra dun camión contra incendios. A achega provincial, que ascende aos 60.000€, permitirá atender unha vella demanda dos veciños e veciñas de Xermade, que levan case 30 anos solicitando esta dotación tan importante para a seguridade do municipio.

O Concello conta, na actualidade, cun pequeno camión que non cubre as necesidades para facer fronte a un lume. Con esta nova dotación poderán desprazarse con facilidade polos montes de Xermade, que son case dous terzos do territorio, actuando rapidamente co servizo de Protección Civil municipal ata que cheguen os medios especializados e coas competencias nesta materia.

.

Etiquetas