A Xunta destina cartos para as novas aulas de atención temperá chairegas

O Consello da Xunta autorizou unha nova convocatoria para poñer á disposición dos concellos galegos un total de 35 unidades de atención temperá. Para iso, o Goberno galego destinará 3 millóns de euros, o que supón un incremento do 50 % respecto dos fondos que se destinan nestes momentos á Rede Galega de Atención Temperá.

Este incremento dos fondos permitirá lograr dous obxectivos: por unha banda, consolidar as 27 unidades de atención temperá que xa existen e que actualmente atenden máis de 1.300 nenos e, por outra, financiar que os concellos poñan en marcha ata oito novas unidades. Para iso, esta nova orde incrementa entre un 1,5 % e un 3 % os fondos que a Xunta destina a cada unha destas unidades.

O Goberno galego vén incrementando a Rede Galega de Atención Temperá durante os últimos dez anos ata multiplicar por oito a súa extensión. En concreto, pasou de haber 15 concellos que dispoñen deste servizo no ano 2009 aos 117 municipios que o teñen en 2020. Ademais destas unidades de atención temperá de titularidade municipal, Galicia dispón de recursos de atención temperá en hospitais públicos e de tres unidades nas comarcas do Deza, O Salnés e Bergantiños, que xestiona a Asociación Galega de Atención Temperá coa colaboración económica da Xunta.

Na provincia de Lugo, a Xunta dispón de tres unidades de atención temperá e porá en marcha outras tres, unha delas atende a concellos da zona sur mentres as outras dos cubren concellos da comarca chairega, como a de Outeiro de Rei e Castro de Rei nun caso, e a que atende dende Friol a veciños tamén de Begonte, Rábade, Guntín e Palas de Rei.

Etiquetas