O BNG de Outeiro de Rei volve preguntar pola traída de auga

O BNG de Outeiro de Rei volve preguntar pola traída de augaO BNG de Outeiro de Rei volveu facer pública a súa crítica polo estado da auga da traída. “Dende hai anos, cada vez que chove cun pouco de intensidade a auga do servizo público municipal convértese practicamente en inutilizable debido á terra que contén a cal lle dá unha cor escura que impide o seu uso normal, chegando ao extremo de non poder ser utilizada nin tan sequera para uso hixiénico canto máis para o doméstico, o que xera unha enorme preocupación entre as veciñas e veciños do Concello”, indica o seu voceiro, Xosé Ferreiro.

“Isto provoca que este servizo municipal sexa, con diferenza, un dos máis cuestionados polo conxunto da veciñanza de Outeiro e tamén o que máis preocupa”, engade.

Dende o BNG levan tempo solicitando que se tomen as medidas necesarias “para solucionar o problema dunha vez, esixíndolle ás empresas concesionarias que fagan o que sexa necesario para mellorar a calidade da auga e que, de ser necesario, se fagan as reformas precisas para ter unha auga que se poida usar, ao igual que pasa noutros concellos da contorna que collendo a auga tamén do río Miño, teñen unha calidade máis que aceptable”.

Segundo explica Ferreiro, “o resultado foi que despois dunha serie de adxudicacións ao estilo de Outeiro de Rei e varios centos de miles de euros investidos na planta potabilizadora, a calidade da auga segue a ser igual de deficiente e a veciñanza segue a ter que ir buscar auga aos pozos, ás fontes ou aos concellos do carón cada vez que chove un pouco”.

O BNG pregunta ao alcalde polo sistema que usa o concello para verificar que o traballo e os controis que a empresa privada adxudicataria fai son os correctos para garantir a calidade da auga do Servizo Público Municipal de Augas. Tamén quere saber quen fai as análise de calidade da auga, un laboratorio privado independente, a propia empresa ou Augas de Galicia e con que frecuencia.

 

Etiquetas