Ados demanda doazóns de sangue este Nadal

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (Ados) fai un chamamento xeneralizado á cidadanía para doar sangue nestas festas de Nadal, moi especialmente, aos doantes dos grupos sanguíneos A positivo, A Negativo e Cero negativo.

Os períodos de vacacións, como o Nadal, precisan dun reforzo na participación dos cidadáns. A demanda de compoñentes sanguíneos por parte dos centros hospitalarios non diminúe nestas datas, polo que necesitamos da colaboración e xenerosidade de todos e todas para conseguir entre 400 e 500 doazóns de sangue diarias.

As dez unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitarán, ao longo destes días, numerosos concellos galegos para acadar a participación necesaria para garantir o desenvolvemento do intenso labor asistencial dos centros sanitarios galegos.

Ados agarda contar de novo coa solidariedade e colaboración dos cidadáns e efectuará os seguintes desprazamentos na zona centro da provincia de Lugo.

  • O luns 4 de xaneiro estará en Castro Ribeiras de Lea.
  • O martes 5 visitará os concellos de Guitiriz e Cospeito.
  • O venres 8 de xaneiro estarán en Meira

Ademais, tamén se pode doar sangue nos locais de doazón existentes nas sete grandes cidades galegas e que en Lugo está situado no Hospital Lucus Augusti, con horario de atención de luns a venres das 15.00 ás 22.00 horas. Martes, mércores e xoves estará das 8.00 ás 15.00 horas.

Doar, moi sinxelo

Pode doar sangue calquera persoa con máis de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar a vida.

ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as páxinas de Ados en redes sociais, e o teléfono gratuíto 900 100 828 para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Aínda que se pode acudir de forma espontánea, é recomendable solicitar cita no teléfono antes sinalado.

Etiquetas