Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

Rematan as reformas de varios centros sociais da comarca

Por 4 Xaneiro, 2021Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Consellería de Política Social destinou este ano 367.800 euros a mellorar os seus centros da provincia a través dos contratos xestionados pola Xefatura Territorial de Lugo.

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a Xunta executou obras de reforma e acondicionamento e dotou de equipamento diverso a residencias, centros sociocomunitarios, escolas infantís e outras instalacións públicas de titularidade autonómica que prestan diferentes servizos sociais.

Nos campamentos xuvenís de Area (Viveiro), A Devesa (Ribadeo) e Os Chacotes (Palas de Rei) realizáronse diversas actuacións por valor de case 59.000 euros, como o cambio da porta de acceso a Area e a subministración de canastras para este campamento, a construción de bases de formigón para tendas de campaña na Devesa ou a reparación da cuberta do barracón de actividades dos Chacotes.

Centros sociocomunitarios

Tamén se realizaron distintos traballos de modernización nos centros sociocomunitarios de Lugo, Vilalba e Mondoñedo e nos Espazos Xove de Vilalba e Chantada, cun custo de 50.400 euros. 

Entre os investimentos efectuados tamén figuran 19.000 euros para actualizar equipamento das escolas infantís de Lugo, Foz, Ribadeo e Viveiro; así como 23.000 euros para adaptar a sala de entrevistas do Servizo de Familia e Menores de Lugo coas medidas anticovid e para colocar pantallas de protección en espazos de traballo.

O delegado destacou que estas actuacións responden ás necesidades que a Xunta vai detectando en cada centro e complementan a outras de maior envergadura que impulsa a Administración galega nos centros sociais, co fin de garantir a calidade dos servizos que prestan á cidadanía.