Muras aproba un orzamento de 1,8 millóns de euros para 2021
O Concello de Muras aprobou no seu último Pleno un orzamento de 1.830.120 euros para este 2021, o que supón 24.000 euros menos con respecto ás contas do ano pasado.
Novamente, os servizos sociais lévanse a maior parte dos investimentos, repartidos en varios capítulos. Así para este capítulo destínanse 368.000 euros para mantemento do SAF ou do PAI, xa que no primeiro o Concello asumirá o incremento do custo da súa prestación, que subiu de 12 a 15 horas “para mellorar a calidade do servizo”, precisa o rexedor. Manuel Requeijo.
No tocante ás axudas da luz, que nesta última convocatoria se incrementaron cunha liña de 1.500 euros para pemes e autónomos, ademais de elevarse a 600 para o recibo doméstico, a partida prevista é de 77.000 euros, que tamén podería ampliarse.
Sen saber que investimentos lles correponderá ao Concello doutras administracións, teñen en previsión 40.000 euros para o proxecto de acondicionamento do edificio do centro de saúde. O orzamento total é de 250.000 euros, do que estiman que a Xunta achegue a metade.
O Concello tamén destina 130.000 euros para os gastos da recollida do lixo e funcionamento do punto limpo e 82.000 para organizar en 2021 as tres grandes citas turísticas do municipio, a Romaxe Artesá, a Feira do Mel de Montaña e a Feira do Poldro e do Gando do Monte. Este gasto quedaría supeditado á evolución da pandemia.
E para continuar coa promoción de Muras, aproveitando a obtención do selo Starlight, resérvanse 8.000 euros nunha partida destinada a promoción turística, que o alcalde non descarta que poda ampliarse en función dos proxectos que se aposte por levar a cabo.
BNG e PSOE secundaron os orzamentos, mentres que o PP abstívose “ao entender que se podería facer un reparto diferente dos fondos e investir máis en obras e na prestación de servizos aos veciños”.
Etiquetas investimentosMurasorzamentosPleno