Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXAAMARIÑAXA

71 explotacións da provincia beneficiáronse das axudas para a venda de años e cabritos

Por 6 Xaneiro, 2021Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se notifican as axudas xestionadas pola Xunta para paliar as dificultades de comercialización de años e cabritos durante os meses de marzo e abril do ano pasado, a causa da emerxencia sanitaria por mor da covid-19. Así, un total de 225 explotacións ovinas e caprinas galegas resultaron beneficiarias dun importe global de 62.705 euros, que xa se lles aboaron integramente con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado.

Cabe lembrar que o presuposto máximo ao que podían acceder os produtores de años e cabritos galegos era de 62.952 euros. Por provincias, a de Ourense é a que aglutina a meirande parte de beneficiarios -cun total de 131-, séguea Lugo con 71, A Coruña con 15 e finalmente Pontevedra con 8. Calcúlase que estas explotacións contan cun total de 6.779 animais subvencionables, isto é, femias elixibles afectadas pola redución da comercialización de años e cabritos.

Cómpre recordar que podían beneficiarse destas achegas as persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica, que contasen cunha explotación de ovino ou cabrún e presentasen en 2020 a solicitude única da PAC. Isto é, da orde que regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

Nesa liña, debían ser beneficiarios ademais do pago das liñas de axuda por ovella e cabra que regula esa orde da Política Agraria Común. Así mesmo, os interesados tiñan que estar inscritos no rexistro xeral de explotacións gandeiras (REGA) cunha clasificación zootécnica de reprodución para a produción de carne, de leite ou para a produción mixta con máis de 10 femias reprodutoras conforme á última declaración censual obrigatoria e debían ter un límite mínimo de movementos de saída da explotación de cando menos 0,6 años por femia elixible.

Co fin de reducir as cargas administrativas e acelerar a xestión, as achegas concedéronse a todos os produtores que presentaron en prazo a solicitude da PAC e cumprían os requisitos establecidos. Así, a maiores do sinalado, os solicitantes debían facer constar nunha declaración responsable se tiñan concedidas axudas en réxime de minimis en 2020 e nos dous anos anteriores.