Sete Pontes prorroga ata febreiro a campaña para incentivar o comercio local
A Campaña Merca e Gaña posta en marcha en Vilalba pola asociación de comerciantes Sete Pontes viuse perxudicada polas restriccións que está a ter no sector da hostalaría.
Por este motivo a Asociación de Empresarios tomou a decisión de ampliar a Campaña un mes máis, ata o 5 de febreiro, esperando que neste período mellore a situación e a hostalaría poida ampliar horarios.
Esta campaña foi posta en marcha para incentivar o comercio local durante o tempo de Nadal, de feito remataba o 5 de xaneiro. Esta consiste en varias accións promocionais e publicitarias baixo o parugas de Merca e Gaña no Comercio Local de Vilalba.
O eixo da campaña é o sorteo de 2.000 euros entre catro consumidores agraciados, que recibirán 500 euros cada un que deberán gastar nos establecementos participantes.
Para poder participar, só é necesario facer algunha compra ou consumo nos establecementos adheridos a Sete Pontes. En cada negocio hai un papel co listado de empresas que o consumidor debe selar segundo naqueles nos que faga as compras.
Unha vez cuberta a papeleta, engadiranse os datos persoais e meterase nun sobre para participar no sorteo que terá lugar en febreiro, unha vez remate a campaña.
Para rexistrar as compras non fai falta un importe mínimo.