Vilalba e A Pastoriza, os centros do virus na Terra Chá

A situación epidemiolóxica na provincia de Lugo segue a empeorar seguindo a mesma dinámica que no resto de Galicia e en España. De feito, volven aumentar os casos activos ata os 619, 44 máis que fai 24 horas (a mesma cantidade que onte), xa que nas últimas horas rexistráronse 63 contaxios novos (onte foron 53) mentres que as altas chegan ás 6.693, 25 máis que onte (o día anterior foron 19).

Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 7.460 casos rexistrados e 145 persoas falecidas.

Aínda que a UCI segue baleira a presión hospitalaria en planta aumenta nun caso e xa son 19 os ingresados: 5 no Hula, 11 no Hospital da Mariña (un máis) e 3 no Hospital de Monforte.

Por concellos, Vilalba volve rexistrar dous casos novos máis no acumulado en 15 días e certifica 36, que supón cinco máis que o martes. Neste Concello a situación non logra controlarse tras o gromo detectado na residencia de maiores hai varias semanas. Pola contra, en Xermade a situación segue controlándose con 10 casos activos nos últimos días e en continuo descenso. Destaca a situación da Pastoriza xa que se detectaron 22 casos tras un gromo na residencia de maiores.

No resto de Concellos a situación está controlada e mesmo en Pol, Friol e Outeiro de Rei non tiveron casos novos esta quincena.

As Pontes segue por debaixo dos dez casos en quince días e xa ten rebaixada as súas restricións ao saír do estado de alerta. Destaca o control que conseguiron do virus en poucas semanas tras acadar cifras que subiron por riba dos cen contaxiados.

No resto da provincia a situación preocupa na Mariña de novo, con Viveiro e Xove cun novo crecemento mentres Burela segue subindo e con atención tamén en Foz e Ribadeo. Todos os gromos nestes concellos están vinculados con residencias de maiores, incluso en Burela onde se detectaron casos en maiores que xa teñen a primeira dose da vacuna.

VACINACIÓN

A Xunta de Galicia vacinou antes de Reis, coas primeiras 18.500 doses, a algo máis de 12.000 persoas de 152 centros sociosanitarios, cumprindo o plan elaborado pola Consellería de Sanidade, segundo o cal, cada semana vacinaranse arredor de 12.200 persoas, aínda que non se descarta vacinar a mais, se se garante a chegada compremetida polo Ministerio de Sanidade.

Ata o de agora, a Xunta recibíu 37.500 doses, das que 18.550 pertencen a última remesa que chegou o pasado luns, día 4 de xaneiro. Hoxe martes está previsto vacinar a 4.715 persoas máis. Non se puido administrat ata hoxe polo tempo para adecuar a temperatura.

A previsión é rematar a vacinación da primeira dose a mediados deste mes de xaneiro.

O departamento sanitario galego mantén, polo de agora, unha reserva dun tercio das vacinas por si se produce unha rotura do stock, para garantir a administración da segunda dose.

O Servizo Galego de Saúde quere agradecer o excelente traballo dos equipos de vacinación. Persoal de enfermería que están a traballar cunha gran profesionalidade e unha actitude impecable.

Etiquetas