As Pontes adxudica o servizo da escola da Barosa

As Pontes adxudica o servizo da escola da BarosaO Concello das Pontes adxudicou o servizo da escola infantil municipal A Barosa a empresa local de educación, Vienco Galicia SL, responsable da xestión do servizo desde o ano 2001.

A concelleira de Igualdade, Tania Pardo, sinala que “para o Concello das Pontes este é un servizo esencial de conciliación e atención socio-educativa no que debe primar  a calidade na atención aos nenas e nenos e as súas familias, por este motivo optamos por unha valoración na que se tivesen en conta aspectos técnicos, educativos, económicos e de xestión, realizada por un comité de persoas expertas, designadas entre profesionais con recoñecida e dilatada experiencia na prestación deste servizo. Tras un detallado análise, a empresa Vienco alzouse como a proposta máis vantaxosa, cunha puntuación total de 80,73 e unha oferta anual de 419 152 euros”.

O contrato, cunha duración de dous curso escolares, prorrogables outros dous cursos, comprende a atención educativo-asistencial a nenas e nenos de ata 3 anos e inclúe os servizos docentes e de coidados asistenciais, o servizo de comedor, a limpeza, reparacións, mantemento e conservación dos espazos interiores e exteriores do inmoble e dos accesos ao mesmo así como a xestión e a administración do centro.

Así, a empresa adxudicataria será responsable da prestación do servizo de gardería, da limpeza, reparación, mantemento e conservación do inmoble, participar na elaboración das listas de alumando admitido así como as listas de espera así como abonar os gastos de subministración de auga, enerxía eléctrica, combustibles, teléfono, servizo de limpeza, recollida de RSU e calquera outra subministración necesaria para o correcto funcionamento de centro e asumir a totalidade dos costos derivados da prestación do servizo e xestión da escola

Ademais tamén a empresa será responsable de organizar o servizo de comedor que comprenderá a subministración, programación, elaboración e distribución dos menús, tendo en conta o necesario equilibrio alimenticio, empregando materia prima de primeira calidade, produtos de proximidade (Km0) e evitando a monotonía dos mesmos e elaborando menús especiais nos caso de que algún dos/das menores teña algún tipo de alerxia alimentaria, enfermidade ou necesidade especial.

A escola que na actualidade conta con 87 prazas distribuídas en seis unidades e 60 prazas de comedor permanecerá aberta, de luns a venres, durante os doce meses do ano, de 08:00 horas da mañá ata as 20:00 horas da tarde, en horario ininterrompido, e con servizo de comedor diario, excepto os días festivos.

No mes de agosto o centro terá horario reducido, como mínimo, de 8:00 horas a 14:00 horas e con servizo de comedor e levaranse a cabo diversas actividades infantís a través de talleres de tipo lúdico.

Para prestar este servizo a empresa porá a disposición 16 persoas traballadoras, a xornada completa, con titulacións en  pedagoxía o psicopedagoxía, mestrado especialista en Educación Infantil ou equivalente e técnico/a superior en Educación Infantil ou equivalente, que asumirán as tarefas de dirección e atención, así como persoas de apoio á atención e coidado dos/das menores e persoal de servizos xerais (atención do comedor, servizos de limpeza, administración e conserxería).

Etiquetas