Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXAAMARIÑAXA

Convocadas as axudas para fomento das razas autóctonas

Por 8 Xaneiro, 2021Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas e se convocan para o ano 2021. Desta forma, o departamento que dirixe José González mantén o seu compromiso coa conservación destas razas, apostando pola súa protección e defensa.

A liña de achegas, que conta cun orzamento de 200.000 euros, ten como finalidade aumentar a rendibilidade das explotacións gandeiras galegas e modernizar o sector en materia de xenética, sanidade e produción animal. Tamén busca unha mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades neste tipo de producións, xa que as razas autóctonas son un claro exemplo de recurso xenético fundamental na preservación de ecosistemas e pastos.

Os beneficiarios potenciais destas axudas son todas aquelas organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas que estean oficialmente recoñecidas para a xestión do libro xenealóxico das razas autóctonas españolas pola comunidade autónoma galega.

As actuacións a subvencionar son a creación ou mantemento de libros xenealóxicos, incluíndo os gastos derivados da súa actividade, os do local ou oficinas, a actualización, adquisición e mantemento de ordenadores e material informático, así como a contratación e gastos de persoal técnico e administrativo. Tamén serán subvencionables os gastos que se deriven do desenvolvemento do programa de mellora oficialmente recoñecido para a raza, no que se recollerán as actividades destinadas á conservación in situ da mesma, así como a creación e mantemento de bancos de xermoplasma en centros autorizados oficialmente e as probas destinadas a determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando.

Tal como se establece na convocatoria, o prazo para solicitar estas achegas é dun mes, contado a partir de mañá, e deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210108/AnuncioG0426-181220-0001_gl.html