Skip to main content
ActualidadeBegonteSecciones TerraCháXAZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

O Iescha solidarízase cos pais do colexio de Baamonde mentres continúa a recollida de firmas

Por 9 Xaneiro, 2021Sin comentarios

A xunta directiva do Iescha enviou un comunicado para manifestar publicamente a súa oposición “o intento de pechar en Baamonde –con todos os pais e nais en contra un colexio ao que aínda asisten 30 nenos e nenas”.

Consideran que se trata “dunha ocorrencia que contribúe a seguir baleirando o rural coa supresión dun servizo público esencial, cando xa conta desde hai moitos anos cos recursos humanos –que fan a súa achega á dinamización da vila- e as instalacións que posibilitan a prestación deste servizo, fulcral en calquera nación desenvolvida”.

“Ao tempo, a Xunta de Galicia vén de facer público que a loita contra a despoboación do medio rural vai ser o eixo vertebrador dos proxectos cos que solicitará as axudas da UE do fondo Next Generation EU, un plan que quere facer fronte á grave crise económica e social trala pandemia da covid-19. Cando seremos quen de poñer o ensino –como a sanidade- á cabeza das prioridades dunha sociedade que quere ser do benestar? Que haberá máis importante que a sanidade ou o ensino para que unha nación siga a ter vida? O Colexio é vida; preservémola. A Cultura é segura; non sequemos unhas das súas fontes”, conclúen.

RECOLLIDA DE FIRMAS

Pola súa banda as dúas asociacións máis implicadas na loita contra o peche do centro, a de veciños e a anpa, aseguran ter recollidas preto de 3.000 firmas, tanto por medio dixital como en papel, en contra da iniciativa municipal coa que se pretende unificar os dous centros en Begonte e utilizar as instalacións escolares de Baamonde para facer un conservatorio de ámbito comarcal.

Os pais esperan unha resposta definitiva sobre a postura da Xunta de Galicia sobre esta iniciativa e mentras continuarán manifestádose as fins de semana. Esta será a primeira dende que se fixo público o proxecto na que non se fará concentración pero xa están convocados para os domingos 17 e 24 de xaneiro ás 12.00 horas e o venres 29.