A Pastoriza estabilízase tralo incremento de contaxios destes días

A situación epidemiolóxica na provincia de Lugo segue disparándose ao aumentar os casos activos en 52 nas últimas 24 horas ata chegar a 751 (onte foron 73), xa que nas últimas horas rexistráronse 71 contaxios novos (onte foron 87 máis) mentres que as altas chegan ás 6.773, 23 máis que o venres (o día anterior foron 22).

Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 7.673 casos rexistrados e 146 persoas falecidas.

Volve a presión hospitalaria coa chegada da que xa se coñece como a terceira vaga. Así volven os pacientes á UCI, con dous casos no Hula e sobe en dous casos máis a hospitalización en planta con 5 no Hula, 12 no Hospital da Mariña (un máis) e 3 no Hospital de Monforte (un máis).

Por concellos, Vilalba volve rexistrar dous casos novos máis no acumulado en 15 días e certifica 43, xa que non paran de subir aínda que de forma lenta.  Na Pastoriza a crise epidemiolóxica está focalizada no centro de maiores de Bretoña con 58 casos, un máis que o sábado tras coñecerse os resultados das probas. Castro de Rei segue en dez casos activos.

No resto de concellos a situación está controlada e mesmo en Pol e Friol non tiveron casos novos esta quincena. Na veciña As Pontes segue por debaixo dos dez casos en quince días. Na mesma situación está Xermade, tras controlar o gromo detectado durante o Nadal.

No resto da provincia a situación preocupa na Mariña con Viveiro e Xove crecendo de forma descontrolada os contaxios ao igual que en Burela. En Chantada e Monforte están tamén certificados 16 e 22 casos, respectivamente, nos últimos días e Lugo volve estar por riba dos 100 pero en retroceso lento.

Etiquetas