Skip to main content
ActualidadeFriolSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

A Xunta licitará as obras da estrada entre Palas e Friol este trimestre

Por 10 Xaneiro, 2021Sin comentarios

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou no Diario Oficial de Galicia a aprobación do proxecto de construción da primeira fase das obras de mellora da estrada LU-231, entre Friol e Palas de Rei, cun investimento de case 2,8 millóns de euros.

Esta actuación, que disporá dun prazo de execución de 12 meses, conta cun orzamento autonómico de case 2,8 millóns de euros, incluídas as expropiacións das 222 fincas necesarias para acometer o acondicionamento da vía.

Trátase do acondicionamento dos primeiros 9,4 km da estrada LU-231, 8,9 situados no concello de Friol e os últimos 500 metros no de Palas de Rei, é dicir, o treito entre a travesía de Friol e o acceso a Castrelo.

O departamento de Infraestruturas da Xunta ten previsto o levantamento de actas previas e a licitación do contrato de obras no primeiro trimestre de 2021. As actuacións disporán dun prazo de execución de 12 meses aproximadamente.

A sección da estrada ten actualmente un ancho aproximado de 5 metros, polo que os carrís son estreitos e non contan con beiravías. Esta sección ampliarase ata os 8 metros, con dous carrís de 3,5 m de ancho cada un e beiravías de 0,5 m, salvo na zona con máis edificacións.

O proxecto contempla melloras do trazado, suavizando as curvas de menor radio. Cabe salientar que se mellorará o cruce do punto quilométrico 2+100 coa estrada provincial LU-P-1611, pola que se chega a Guntín, nun sentido, e a Begonte (A-6), no outro.

A estrada LU-231 ten aproximadamente 18,7 quilómetros desde a travesía de Friol ata o enlace coa A-54 máis próximo ao núcleo de Palas de Rei. A Xunta ten prevista a súa mellora en dúas fases, para o que contratou a redacción de dous proxectos construtivos, estando o segundo redactado e en fase de supervisión técnica.

A execución desta actuación permitirá conformar xunto coa estrada provincial LU-P-1611 un eixo norte-sur de mobilidade con prestacións axeitadas entre a A-54 en Palas de Rei e a A-6 en Begonte, nun punto moi próximo ao sen enlace coa A-8.

Este eixo viario suporá a mellora da competitividade para a produción do sector primario e a industria desta contorna da provincia de Lugo.