Adxudican as obras dun novo tramo na estrada entre Momán e As Pontes

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e máximo responsable da área de Xestión Territorial, continúa adiante co seu compromiso de mellorar a totalidade da estrada provincial LU-P-2204, que une o núcleo de Momán, en Xermade, coas Pontes de García Rodríguez, coa adxudicación de obras nun novo tramo por un importe de 251.000€.

Os traballos, cun prazo de execución de 6 meses, afectan ao treito que discorre entre os puntos quilométricos 7 e 8,3. Tendo en conta que a vía ten unha lonxitude de 9,8 quilómetros, unha vez executados estes traballos, tan só restará pouco máis dun quilómetro para completar o acondicionamento total da vía. O presidente confirmou que o proxecto para acometer este último tramo será redactado neste ano 2021.

A Deputación destinou 800.000€ á mellora dos 7 primeiros quilómetros, aos que agora se suman 251.000 para acondicionar 1,3 quilómetros máis, co cal o investimento da institución provincial nesta estrada ascende ata o momento a 1M€.

As obras contratadas pola Deputación consistirán na mellora do pavimento con aglomerado en quente, incremento da seguridade cunha nova sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas e reinstalación da sinalización vertical e os sistemas de contención que se vexan afectados polo ensanche da vía.

O Presidente provincial recalcou a importancia desta estrada, “pois vertebra o concello de Xermade e toda esta parte da provincia, dando servizo aos veciños e veciñas de Momán e comunicando coas Pontes. Ademais, este é o camiño máis curto para os desprazamentos dos veciños e veciñas a Santiago de Compostela e aos aeroportos”.

A mellora da mobilidade é unhas das prioridades marcadas polo Presidente no Orzamento da Deputación para este ano 2021, no que decidiu aumentar as partidas para as estradas nun 14%, ata acadar os 16M€. “As comunicacións son fundamentais para favorecer a calidade de vida dos veciños e veciñas, e o equilibrio territorial da provincia, para fixar poboación e para manter vivo o rural”, subliñou o Presidente.

Etiquetas