A Pastoriza segue sumando casos e Vilalba estabilízase de novo

A situación epidemiolóxica na provincia de Lugo segue disparándose ao aumentar os casos activos en 27 nas últimas 24 horas ata chegar a 778 (onte foron 52), xa que nas últimas horas rexistráronse 50 contaxios novos (onte foron 71) mentres que as altas chegan ás 6.802, 29 máis que o venres (o día anterior foron 23). Deste todos os xeitos ralentízase o ritmo de contaxios e de casos activos, aínda que ao ser luns podería ser un dato desdibuxado pola fin de semana, na que os datos non se actualizan coa mesma celeridade.

Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 7.730 casos rexistrados e 147 persoas falecidas, o último un home de 80 anos no hospital da Mariña.

E é que a presión hospitalaria volve subir cun paciente máis na UCI do Hula, que xa ten tres, e un máis tamén en hospitalización en planta con 5 no Hula, 12 no Hospital da Mariña e 4 no Hospital de Monforte (un máis).

Na comarca, a principal preocupación está agora na Pastoriza, que non para de sumar casos e chega hoxe a 65, sete máis que onte e con Bretoña e o seu cento de maiores no punto de mira. Castro de Rei volve a baixar dos dez casos activos e Vilalba, retrocede ata 42 (un menos).

No resto de concellos a situación está controlada e mesmo en Begonte, Pol e Friol non tiveron casos novos esta quincena. Na veciña As Pontes segue por debaixo dos dez casos en quince días. Na mesma situación está Xermade, tras controlar o gromo detectado durante o Nadal.

No resto da provincia a situación está crítica en Viveiro, que ten xa 164 casos novos e en Xove, con 101. Tamén mírase con preocupación a situación en Burela e Cervo. En Chantada e Monforte están tamén estabilizados en 16 e 22 casos, respectivamente, e Lugo volve subir.

Etiquetas