O Concello das Pontes licita o servizo de atención temperá

O Concello das Pontes licita, por segundo ano consecutivo, o servizo de atención temperá co obxectivo de prestar atención individualizada a menores de 6 anos que presenten trastornos no desenvolvemento ou teñan risco de padecelos para facilitar, deste xeito, o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. 

A concelleira de Benestar Social, Tania Pardo, apunta que “a través deste programa intentamos que os nenos e nenas que presentan trastornos no seu desenvolvemento reciban, seguindo un modelo baseado en aspectos biopsicosociais, unha atención integral nun momento clave do seu desenvolvemento psicomotriz para que deste xeito poidan adquirir habilidades básicas tales como falar, moverse, identificar obxectos ou persoas e poidan, ao mesmo tempo, potenciar todas as súas capacidades cognitivas, promovendo a súa completa integración no medio familiar, escolar e social así como a súa autonomía persoal”.

O contrato, cun orzamento de licitación de 57.000 euros, inclúe os servizos de logopedia, terapia ocupacional e psicoloxía que se prestarán 4 días á semana, por un total de 15 horas semanais cada un dos servizos.

O servizo de atención temperá está dirixido a nenos e nenas de 0 a 6 anos que, durante período pre, peri ou postnatal, estiveran sometidos a situacións que puidesen alterar o seu proceso madurativo, como pode ser a prematuridade, baixo peso, a anoxia ao nacer ou calquera outro factor ou signo biolóxico de risco, así como a menores que presenten retardo ou calquera factor ou signo biolóxico de risco ou discapacidade física, psíquica ou sensorial  e menores en situación de risco ou desamparo, sempre que  alteren o proceso madurativo.

Etiquetas