Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAVilalbaXermadeZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

Homenaxe a Ramón Villares na presentación do seu libro

Por 13 Xaneiro, 2021Sin comentarios

Homenaxe a Ramón Villares na presentación do seu libro Homenaxe a Ramón Villares na presentación do seu libroA presentación do libro Senderos de la historia. Miradas y actores en medio siglo de historia rural, coordinada polos profesores da USC Alba Díaz-Geada e Lourenzo Fernández Prieto, serviu para homenaxear este martes no Paraninfo ao catedrático de Historia Contemporánea e ex reitor da USC, Ramón Villares, co gallo do seu 70 aniversario. A obra rende homenaxe á figura de Villares como primixenio historiador agrario que desenvolveu dende Compostela toda unha escola de estudos neste eido do coñecemento “sobre bases sólidas e duradeiras”.

O acto de presentación da obra, presidido polo reitor Antonio López, serviu de “recoñecemento de culturas intelectuais e admiración por métodos historiográficos fundados hai tempo e percorridos ao longo de sendeiros sinuosos mais nunca interrompidos”, tal e como se apunta nas páxinas do libro dedicadas a render homenaxe a Villares. Neste senso, o libro eríxese nunha “forma de agradecer, na súa persoa, a todos e todas as que abriron camiños para seguir transitando”.

Traballo en plena vixencia

A obra reflexiona respecto de como o estudo histórico da propiedade no contexto da revolución burguesa alumou a renovación  historiográfica nos anos setenta. Asemade, ocúpase de distintas liñas de investigación que foron desenvoltas pola  historiografía agraria ao longo de catro décadas: a historia económica, o estudo dos comunais, a historia ambiental, a atención ao cambio tecnolóxico, a historia política e a acción colectiva no mundo rural, o vínculo coa historia social e cultural, o estudo das actitudes sociais e a relación coa historia das migracións.

As preguntas comúns que guían todos os capítulos do libro, exceden e aluman máis alá do campo da Historia Agraria, que condensa nestas páxinas décadas de traballo en plena vixencia. “Agardamos que a súa lectura permita recuperar preguntas apartadas, rozar novos camiños e avivar o debate, sempre necesario, sobre a cuestión agraria do noso tempo”, explican os coordinadores dunha obra que ten a súa orixe no Seminario de Historia Agraria (SEHA).

Recoñecida traxectoria

Ramón Villares Paz (Cazás-Xermade, 1951) é catedrático de Historia Contemporánea da USC dende 1987. Villares foi, asemade, director do Departamento de Historia Contemporánea (1983-1986), decano da Facultade de Xeografia e Historia (1986-1990) e reitor da USC (1990-1994), alén de presidir o Consello da Cultura Galega entre os anos 2006 e 2019.