Skip to main content
A PastorizaActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXAZonas TERRACHÁXA

A Deputación subvenciona as actividades na piscina da Pastoriza

Por 15 Xaneiro, 2021Sin comentarios

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 180.000 euros para colaborar nos gastos de funcionamento da piscina climatizada da Pastoriza, unhas instalacións que dan servizo a usuarios e usuarias de todos os concellos da contorna.

A vicepresidenta Maite Ferreiro e a tenente de alcalde da Pastoriza Elva Carrera asinaron este xoves o convenio de colaboración para o mantemento das instalacións que contan, ademais da piscina climatizada, cunha sala de fitness e un ximnasio totalmente equipado.

Ademais do uso individual das instalacións, o centro, que conta con oito monitores e monitoras, ofrece un amplo abano de actividades, desde cursos de natación para todas as idades e condicións físicas ata sesións de pilates e outras actividades dirixidas na sala de fitness.

Elva Carrera sinalou que o apoio da Vicepresidencia resulta fundamental para manter o funciomento da piscina “que máis aló do uso estritamente deportivo, é tamén empregada tamén por persoas que fan actividade física como parte de rutinas terapeúticas e de rehabilitación”.

A tenente de alcalde pastoricense explicou que “as instalacións contan con usuarios de todos os concellos da contorna. Ademais das persoas que veñen a título individual, a tráves dos propios concellos e das asociacións de nais e pais, recibimos alumnado de centros educativos de Muimenta, Abadín, Riotorto, Meira ou Pol”, explicou.

Maite Ferreiro incidiu na repercusión da centro en toda a comarca, “ofrecendo aos veciños de veciñas deses concellos un equipamento que amplía as posibilidades de facer deporte e actividade física a persoas de todas as idades”.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo asume máis da metade dos gastos de funcionamento das instalacións a través dunha achega anual que se completa coa aportación do concello e coas cuotas de usuarias e usuarios.

A piscina mantívose pechada durante o confinamento pero reabriu a comezos de agosto tras realizarse un estudo de seguridade ee desenvolver un protocolo que minimiza o risco de contaxio da Covid-19 nas instalacións.