Os socialistas de Cospeito demandan a comisión de urbanismo para impulsar o Pxom

Os socialistas de Cospeito mostraron o seu malestar porque o alcalde do Concello, o popular Armando Castosa, aínda non lles convocou para a comisión de urbanismo que “prometera” durante o último Pleno.

A voceira do partido, Rosa Morán, preguntou no último Pleno en que situación se atopaba o Plan Xeral, que pechou antes do verán o tempo de exposición pública e de presentación de alegacións. “Presentáronse unhas mil alegacións que se contaba con que estiveran resoltas o antes posible e aínda non sabemos nada”, subliñou Morán que acusou ao alcalde de non respectar a promesa de convocar a comisión de urbanismo tal e como prometera.

“Volveremos preguntar no próximo Pleno ata que consigamos unha reposta e que avance a xestión do Pxom”.

Así mesmo, a socialista lembrou que o equipo socialista segue sen recibir as actas das xuntas de Goberno, “tal e como indica a lei”. “Recibimos unha pero nada se volveu saber porque o Concello tennos desinformados”.

Etiquetas