Suspenden a manifestación de pais en Baamonde e entregan firmas de apoio no Concello

Suspende a manifestación de pais en Baamonde e entregan firmas de apoio no ConcelloTras a pausa da pasada fin de semana, a comunidade educativa do colexio de Baamonde tiña pensado esta fin de semana reanudar as súas manifestacións de protestas polo proxecto do alcalde que pretende unificar os colexios de Begonte e Baamonde no primeiro e facer no segundo un conservatorio de música. Finalmente non se poderá celebrar este domingo 17 debido ás retricións polo coronavirus pero quedan todos convocados para a seguinte concentración, datada para o día 24, ás 12.00 horas.

A marcha partirá as 12:00h dende a igrexa de Baamonde, recorrendo a N-VI ata chegar á rotonda coa N-634. Nesta ocasión continuarase por esta estrada ata a praza para conectar co consultorio médico e volver coller dirección a N-VI; onde voltarán ata a rotonda e pecharán o circuíto chegando ao colexio.

Os organizadores, a anpa do centro e a asociación de veciños Montenegro solicita a cooperación de toda a veciñanza e establecementos de Baamonde, Pacios, Carballido, Vilariño, Bóveda, Pígara e Soexo “como principais damnificados”.Tamén fan un chamamento o resto de veciños da contorna ante esta medida “que atenta contra o rural”.

ENTREGA DE FIRMAS

No día de onte, a asociación de veciños e a anpa fixeron entrega de 3153 firmas no rexistro do Concello de Begonte, e telemáticamente ante a Consellería de Educación contra esta medida proposta pola alcaldía de 124 páxinas nas que constan 1614 firmas de forma manuscrita e 32 páxinas con 1274 firmas “online”, que hoxe xa soben das 1500.

Ademais, acompañaron as firmas de dous escritos onde se explica que o “colexio fixa poboación e da servizo a moitas zonas da rural”. Aseguran que “non estamos en contra da escola de música / conservatorio / auditorio, o cal pode ter varias opcións. Dende a convivencia, xa que o uso das instalacións sería en distintas franxas horarias, ata a utilización dun dos edificios, ou a construción dun novo en terreos contiguos ou achegados (algúns dos cales, ben sabe vostede, que llos ofrecen gratuitamente)”.

Etiquetas