Freo de contaxios na Pastoriza, Vilalba e Castro

A covid-19 non reduce a súa incidencia na provincia de Lugo e segue sumando casos de forma ininterrompida. Este luns son 1.146, 48 máis que nas últimas 24 horas (onte foron 67). Rexistráronse neste tempo 82 contaxios novos (onte foron 88) mentres que as altas chegaron ás 7.054, 55 máis que o domingo (o día anterior foron 41). As cifras ofrecen unha visión da provincia en continuo empeoramento.

Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 8.357 casos rexistrados e 151 persoas falecidas, nas que non se integran os casos de residentes de centros de maiores que faleceron noutras provincias tras ser trasladados.

Ademais, a presión hospitalaria segue a subir. A UCI do Hula acolle 7 pacientes, un máis que onte tralo traslado de enfermos desde Ferrol, e rexistráronse seis hospitalizacións máis nas zonas de planta, todas no Hospital da Mariña que ten agora mesmo 19 ingresados, a mesma cantidade que no Hula. No de Monforte hai 5.

COMARCA

Na comarca, A Pastoriza recupera a tranquilidade cun importante descenso no número de casos. Este luns son 67 os acumulados na última quincena, 16 menos que onte polo que se mantén a esperanza de ter superado xa o pico de contaxios.

Vilalba, en continúa expansión nos últimos días, hoxe rexistra un tímido retroceso cun caso menos que fan un total de 61. O mesmo retroceso que se produce en Castro de Rei, que queda en 13.

En Outeiro de Rei volven chegar aos 10 casos tras varias semanas por baixo, mentres o resto continúan coa pandemia controlada. Destaca Pol na xornada de hoxe porque rexistra os primeiros casos activos tras varias semanas polo que xa non queda ningún sen ter polo menos un afectado.

O veciño concello das Pontes volve sumar casos, nesta última xornada tres máis, e sobe aos 19.

No resto da provincia a situación segue moi crítica en Viveiro, Xove, O Vicedo e Cervo mentres Burela mantense estable. No sur, Monforte e Sarria seguen subindo con 47 e 31 contaxios, respectivamente, mentres Chantada tamén sobe con 29. No centro, Lugo sitúase nos 158 casos e destacan os 12 de Láncara e 11 de Palas de Rei.

Etiquetas