O alcalde de Friol critica nunha carta aberta ao conselleiro de Medio Rural

O alcalde de Friol e tamén presidente do GDR da zona centro da provincia, José Ángel Santos, fixo público un escrito no que opina sobre a situación que atravesa o rural nunha carta dirixida á Consellería de Medio Rural e na que resume o contido asegurando que “no rural galego estamos a sufrir dúas pandemias”.

Este é o contido desta carta:

Xa con anterioridade a actual peste chamada Covid19, hai mais de dous anos que no rural de Galicia comezamos a padecer unha epidemia non menos letal que a actual, esta última, con nome, pero tamén con apelidos.

A finais de Setembro do ano 2018 o ourensán José González Vázquez fíxose cargo do departamento de medio rural da Xunta de Galicia, desde entón, moito do que ocorre nesta Consellería carece de sentido.

Non podo deixar de referirme ao produto máis vendido como un catalizador e que solucionará todos os problemas nas zonas rurais, as famosas “Aldeas Modelo”, o custo será demasiado alto, o rural galego non precisa de ensaios que despois non se sabe como manter, inventando para iso métodos incongruentes, parece que os tecnócratas desta consellería non tiveron en conta que a maleza medra de novo, para que nun curto período de tempo atopemos esas zonas na mesma situación que anteriormente, debido á falta de actividade agrícola, dado que son zonas desfavorecidas que non son aptas para implantar ningún tipo de actividade agro-gandeira. E moito menos o campo Galego require de inversións en “museos” coa finalidade de que sexan a exhibición do noso rural, sendo xa de por si o propio rural galego o noso maior escaparate.

Durante estes dous anos a Consellería apostou por unha serie de medidas que se materializaron nun nivel de execución moi baixo, por non dicir nulo, e aínda así, séguense a propoñer modificacións e traspasos de partidas económicas, parece que dunha maneira unilateral. O obxectivo deste inxustificado traspaso de fondos para nada favorece a economía e o desenrolo rural, senón que se realiza o capricho da Consellería para investir en proxectos que levarán ao ocaso definitivo do noso rural.

A xustificación de dita reestruturación, non pode ser outra, que tratar de comprometer fondos para eses proxectos que desde a Consellería se consideran “estrela,” que non van supoñer nin desenvolvemento, nin asentamento, por ser algúns inviables, innecesarios ou pouco eficaces. A liña de traballo que se está a seguir supoñerá un fracaso rotundo do rural galego, para nada se está impulsando o desenrolo rural tal e como se entende desde a base territorial, tendo en conta o coñecemento e as necesidades.

É totalmente incoherente que nas últimas anualidades os fondos do Plan Marco se vexan reducidos drasticamente, unha redución desproporcionada na que a poboación rural verá como se deixa unha vez máis abandonada, sen o mantemento das vías que usan a diario, xa que este Plan Autonómico era unha ferramenta básica para todos os municipios rurais.

Os GDR son a forza motriz e o factor fundamental dentro do medio rural, crean e consolidan emprego, coñecendo de primeira man as necesidades do territorio, distribúen os fondos dotados segundo unha estratexia clara e definida para promover o medio rural, de aí o éxito da súa execución no marco do PDR actual, e que no novo marco gustaríalles prescindir deles, pero saben que non poden, e polo tanto queren transformalos en meros asesores.

A miña reflexión é, se non sería unha mellor opción, entre outras, para esas partidas orzamentarias que quedan sen executar, e algunhas que se pretenden destinar nas aldeas modelo ou na creación de museos rurais, modificar as mesmas para fomentar os intercambios voluntarios xa previstos no marco da reestruturación parcelaria e así facer as explotacións máis viables e con máis capacidade de crecemento reducindo os custos de produción, con parcelas agrupadas e rendibles.

Avecíñanse malos tempos para o noso rural, neste momento que estamos inmersos nunha pandemia sanitaria e tamén económica, en que non temos tempo para experimentos, debemos de ter xestores capaces de apoiar o rural con medidas reais, directas e que teñan como finalidade impulsar o noso medio. Estou seguro de que acabaremos coa Covid19 mediante a vacina que nestes momentos se está administrando, como tamén espero que pronto dispoñamos da vacina axeitada para tamén disipar a outra pandemia, polo ben do rural galego.

Etiquetas