Conde afirma que o polo espacial de Rozas é un dos proxectos tractores de Galicia

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá no Consello Asesor da Civil UAVs Initiative, no que asegurou que o principal obxectivo do Polo Aeroespacial de Galicia 2025 é crear tecido industrial ao redor deste sector.

Conde, que subliñou a importancia da colaboración público-privada desta iniciativa, agradeceu a súa implicación a todos os organismos, empresas, asociacións e colexios profesionais que forman parte e apoian este polo pioneiro en España no eido da industria aeroespacial. Destacou, ademais, que se trata dunha infraestrutura única polo seu tamaño, especialización, equipamento e pola súa capacidade de crecemento.

Así, o vicepresidente económico explicou que é o momento de dar o salto de cualidade e, por iso, sinalou que Rozas é un dos grandes proxectos tractores que Galicia xa presentou para optar aos fondos europeos Next Generation, estruturados en sete programas e 30 actuacións que comezarán a executarse neste primeiro trimestre de 2021.

Seguirase apostando, desde o punto de vista tecnolóxico, polas empresas na identificación das liñas tecnolóxicas de interese, pero tamén se crearán novos instrumentos de financiamento para investigacións das universidades e centros de coñecemento e tecnolóxicos; no eido dos mercados, desenvolverase un programa de Compra Privada de Innovación; e desde o punto de vista regulatorio (a nova figura do sandbox regulatorio) e da seguridade xurídica, farase de Rozas un lugar de referencia para a experimentación das novas tecnoloxías que atendan estas demandas do mercado e a súa viabilidade nun entorno real. Neste sentido, o polo axiña contará cun entorno de simulación grazas á colaboración do Centro para el Desarrollo Tecnológico e Industrial (CDTI) e mais un laboratorio 5G –a previsión é poder desenvolver amabas as dúas iniciativas nos dous próximos anos–.

Conde lembrou que o Polo Aeroespacial de Galicia xa mobilizou un investimento de 164M€, case 10 veces máis que o inicialmente previsto; executou 59 proxectos de I+D e infraestruturas para vehículos aéreos non tripulados; contou co traballo de 800 profesionais de toda España; propiciou a creación de cinco novas empresas en Galicia; puxo en macha unha Business Factory Aero na que xa se incubaron ou aceleraron 19 proxectos empresariais; e identificáronse 430 solucións tecnolóxicas, produtos ou procesos, dos que seis están preparados para o seu despegue inmediato nos servizos da Xunta de Galicia. Son servizos públicos como o control da calidade da auga, a produción de cartografía para a xestión do territorio, os servizos de protección de incendios ou o control de pragas forestais.

Conde finalizou asegurando que o traballo feito e os proxectos que se van poñer en marcha permiten facer do Polo Aeroespacial de Galicia un proxecto transxeracional que busca crear a Galicia das vindeiras xeracións ofrecendo emprego de calidade, empresas competitivas e a participación desde Galicia nas grandes tendencias e retos globais.

Etiquetas